A Wikipedia en italiano escurécese en protesta do posible reforzamento do copyright na U.E.

martes, 3 de xullo do 2018 Marcus Fernández

O vindeiro día 5 o Parlamento Europeo terá que votar a aprobación dos artigos 11 e 13 da revisión da Directiva sobre dereitos de autor na Unión Europea, iniciativa lexislativa que está a resultar moi polémica porque podería supor un cambio radical no xeito no que funciona a Internet e en como podemos compartir contidos na Rede.
Groso modo o artigo 11 sería algo semellante ao chamado canon AEDE que levou ao peche de Google News en España (sendo o único país do mundo no que Google fixo tal), ou sexa, permitiría que os editores de prensa puidesen reclamar compensacións económicas por enlazar aos seus contidos incluíndo un extracto (o que podería ser unha simple previsualización ou a cita que está a mencionarse), o que podería facer inviables innumerables negocios de Internet; mentres que o artigo 13 sería aínda máis prexudicial, pois esixiría a instalación de filtros para detectar se os contidos que se suben á Rede están suxeitos a dereitos de autor, facendo responsable das violacións de tales dereitos aos sitios web, o que podería facer practicamente inviable o uso de redes sociais, de levarse estas medidas ao extremo.
Esta seria ameaza para a Internet está a servir para mobilizar aos cidadáns a través da Rede en plataformas como SaveYourInternet, coa que queren instar aos eurodeputados a votar en contra do mencionado artigo 13 que pasou o filtro da Comisión de Asuntos Xurídicos da Unión Europea, aínda que outras plataformas foron aínda máis adiante, e a versión italiana da Wikipedia, ao consultar os seus contidos, presenta agora a toda pantalla un comunicado no que fan un chamamento para votar en contra do texto lexislativo actual, solicitando a eliminación de ambos artigos polémicos e reabrir a discusión sobre a lexislación sobre dereitos de autor. Outras esixencias que fan e a protección do dominio público e a extensión da liberdade de panorama (o dereito a poder facer uso de imaxes de edificios públicos e esculturas, que nalgúns países está limitado) a toda a Unión Europea.

PUBLICIDADE