A Wikipedia e a ONCE traballarán para abrir a enciclopedia aos colectivos con diversidades funcionais

martes, 26 de xuño do 2012 Fernando Sarasketa

Aínda que o pareza, o coñecemento aínda non é accesíbel. Unicamente temos que poñernos noutros ollos, asumir as características das persoas con diversidades funcionais, físicas ou motrices, e caeremos na conta de que hai unha chea de coñecemento e de recursos tecnolóxicos ligados a ese coñecemento que fican fóra do noso alcance. Nin sequera algo tan aberto e libre como a Wikipedia fuxe totalmente disto. Para amañalo e ir dando exemplo, a enciclopedia en liña, en colaboración coa Fundación ONCE, comprometeuse a promover a accesibilidade para persoas con diversidades funcionais dende os proxectos de Wikimedia Foundation, dos que forma parte, precisamente, a Wikipedia.
A enciclopedia en liña, que na nosa terra colle corpo a través da Galipedia, é arestora unha das webs de meirande seguimento do mundo, atesourando máis de 20 millóns de artigos achegados por internautas voluntarios de todo o planeta. Por dereito propio, é xa a principal fonte de información xenérica do mundo. De aí que unha iniciativa como a devandita cobre especial importancia de cara á normalización da accesibilidade en liña. O acordo asinado coa ONCE, entre outras cousas, fará fincapé en desenvolver recursos para achegar os contidos da Wikipedia a toda a comunidade en liña, sexan cales sexan as súas características. Tamén se lles abrirá as portas da colaboración na base de datos ás persoas con diversidades funcionais, que poderán tamén publicar entradas. Os técnicos da ONCE e de Wikimedia traballarán con estes obxectivos cóvado con cóvado cos da firma Technosite. O seu traballo basearase nun principio na Wikipedia en español, pero está previsto que os logros que se acaden se poidan adaptar a outras linguas e adaptacións da enciclopedia.

PUBLICIDADE