A Wikilengua xuntará na Internet o coñecemento sobre a lingua española
venres, 11 de xaneiro do 2008
Este
xoves presentouse en Madrid a web participativa Wikilengua.org, que seguindo
os pasos da Wikipedia pretende difundir información sobre a lingua española e
publicala de xeito coherente e organizado.
A Wikilengua é un
proxecto de Fundéu (Fundación do Español Urxente) creada pola Axencia EFE e
patrocinada polo BBVA, contando coa colaboración da Real Academia da Lingua
Española, Red.es, a Universidade Autónoma de Madrid e Accenture.
Os usuarios poderán non só consultar as súas dúbidas sobre a lingua na nova
web, senón que tamén poderán contribuír á mesma editando os artigos publicados
e crear entradas novas, axustándose «ás
reglas da Web 2.0» a xuízo do seu coordinador, Javier Bezos. De feito, os
contidos publicados nesta plataforma empregan a licenza Creative Commons que
permite a redistribución recoñecida e non comercial.
- De la Concha durante a presentación de Wikilengua
Víctor García de la Concha, director da RAE e presidente de Fundéu,
sinalou que esta nova ferramenta sobre o uso do español abre o camiño «para que nel conflúan tódolos que teñen
conciencia de posuír un patrimonio común que consideran seu e que queren
enriquecer».
O presidente de EFE e vicepresidente de Fundéu,
Álex Grijelmo, definiou que Wikilengua «non
é unha obra de referencia, coma un dicionario, nin exactamente un consultorio
lingüístico, unha obra normativa ou un lugar de opinión» senón que pretende
converterse nunha publicación obxectiva grazas ó contraste de distintos puntos
de vista. Tamén asegurou que é o primeiro espazo cibernético aberto dedicado a
reunir tódolos coñecementos sobre a lingua española.