A Wii é a consola menos usada da presente xeración

mércores, 8 de abril do 2009 Marcus Fernández

Un informe realizado por Nielsen confirma algo doado de percibir no mundo das consolas de videoxogos, que sería que a Wii é a máquina que menos se utiliza na presente xeración, bastante por debaixo da Xbox 360 e a PlayStation 3, contrastando coas súas elevadas vendas (que copan a metade do sector de consolas domésticas).
O estudo elaborado nos EE.UU. indica que en decembro os usuarios de Wii a utilizaron unha media de 5 días, os de PS3 6,8 días e Xbox 360 7,1 días. Analizando a duracións de xogos tamén se mantén esta proporción, dando a entender que os usuarios ocasionais non son tan activos coma os hardcore.
Pero un dato que tamén destaca o estudo é que a PlayStation 2, pese a ser unha consola da anterior xeración, continúa a ser a máis utilizada, algo que non debería sorprender se atendemos ao seu enorme parque de consolas, o que incluso se fai notar no número de xogos vendidos nos últimos meses que, pese a non estar nos primeiros postos de vendas, acumula un importante número de unidades vendidas.

PUBLICIDADE