A UVigo e Teltek participan na creación dun ecosistema europeo de docencia virtual

xoves, 2 de febreiro do 2017 Redacción

Domingo Docampo e Vicente Goyanes nas instalacións de UVigo-TV

A Universidade de Vigo informou esta semana do desenvolvemento dun proxecto europeo no que participa e que tería a finalidade de pór en marcha o que sería, nas súas palabras, “o primeiro depósito europeo de materiais educativos audiovisuais”. O proxecto Up to University, Up2U (Bridging the gap between schools and universitys trough informal education) comezou a súa andaina en 2015 e está financiado no marco do programa H2020 da Unión Europea con cinco millóns de euros. Os seus socios son 18 entidades dunha ducia de países, sendo a UVigo a única representante de España xunto coa firma local Teltek. Ao longo dos vindeiros tres anos o consorcio participante traballará na creación “dun ecosistema de docencia virtual audiovisual”. Será un recurso de apoio no ensino que todos coñecemos, o tradicional. Agárdase que teña unha incidencia moi positiva facilitando aos alumnos o chimpo de secundaria ás universidades.
Detrás deste proxecto, impulsándoo e impulsando tamén a concorrencia viguesa, atópase o ex-reitor Domingo Docampo, comisionado para o Campus Dixital do Mar, quen informa a posta en marcha do devandito “ecosistema de docencia virtual” iría encamiñado aos escolares de idades comprendidas entre os 11 e os 19 anos. Polo que respecta á empresa viguesa Teltek, está especializada en achegar solucións e tecnoloxías abertas de vídeo, videoconferencias, streaming e formación a distancia. A súa colaboración coa Universidade materializouse coa prestación do Campus Multimedia da institución docente galega.
Volvendo ao proxecto Up2U, apóiase na base xerada polo portal eduOER (Open Educational Resource of GEANT), un acubillo con diferentes pezas audiovisuais catalogadas a disposición dos usuarios e usuarias. O impulso de Up2U dará como resultado a conversión do devandito portal “nunha contorna de aprendizaxe”, onde consultar vídeos, pero tamén contidos máis elaborados como coleccións temáticas ou unidades didácticas completas, pensadas especificamente para o alumnado de secundaria. “Fixemos un portal adaptado para que aos docentes, e tamén aos propios rapaces, lles sexan doados de localizar e visualizar, tanto dende os ordenadores como dende tabletas e móbiles, o material que precise entre máis de 40.000 obxectos educativos en diferentes idiomas, agora daremos un paso máis na estruturación de todo ese material”, explica Vicente Goyanes, responsable de Teltek.
A idea, sinalan Docampo e Goyanos, é “conseguir suavizar o chimpo dos estudantes do instituto á universidade, pois tanto en España como no resto de países de Europa hai cada vez máis problemas para que os alumnos e alumnas que acceden á universidade se poñan ao nivel necesario para poder aproveitar ao máximo o plan docente dun grao”. E engaden: “Pretendemos que ese salto, que xa se constatou que existe, sexa máis doado coa creación dun ecosistema de docencia virtual audiovisual no que traballen xuntos profesores da universidade e de educación secundaria na creación de contidos moi visuais, empregando plataformas de docencia en liña”, explica Goyanes.
Socios centrados nos datos e no software aberto
Dos 18 socios que participan no consorcio, cinco son redes nacionais, que representan ao conxunto dos seus respectivos países (Italia, Portugal, Grecia, Israel, Hungría...); oito son universidades, entre elas a Open University, institución de referencia a nivel mundial no uso das novas tecnoloxías na educación e docencia virtual; está o CERN, Organización Europea para a Investigación Nuclear; e dúas empresas, unha firma alemá de sofware libre, OwnCloud, e Teltek.

PUBLICIDADE