A Universidade recunca coa formación en mercadotecnia de Google e IAB Spain

venres, 15 de abril do 2016 Redacción

A Universidade de Vigo vai acoller unha nova edición dunha actividade referencial de Google: o seu Curso Básico de Marketing Dixital, inserido no programa Actívate do buscador, unha iniciativa introducida en 2014 co apoio do Ministerio de Industria, Red.es, a Escola Oficial de Idiomas e a asociación IAB Spain. Con Actívate, o xigante da tecnoloxía pretende dar aos participantes unha posibilidade gratuíta de formación a través de cursos en liña e presenciais, celebrados en diferentes institucións educativas do país. Dous anos despois, máis de 100.000 persoas xa se beneficiaron do programa.
Dende a Universidade de Vigo sinalan que está prevista unha asistencia de arredor de 200 participantes. A actividade, dirixida principalmente á xuventude desempregada con titulación universitaria, impartirase entre os vindeiros 25 e 29 de abril, de 8.30 a 18 horas no salón de actos da Escola de Enxeñaría da Telecomunicación. As persoas interesadas poden inscribirse ata esgotar as prazas dispoñibles a través da web da plataforma Actívate.
No curso, de carácter intensivo e 40 horas de duración, os asistentes aprenderán os coñecementos e ferramentas básicas requiridas na contorna dixital, con contidos sobre fundamentos de tecnoloxía que o alumnado, sinalan os organizadores, “non poderá eludir na súa formación”. Entre eles atópanse o SEO e o SEM: o posicionamento dunha páxina web entre os resultados dun buscador, a analítica web, a medición e interpretación dos datos que achega a rede. Ademais, coñecerán algunhas nocións de comercio electrónico, aproveitamento das redes sociais, dispositivos móbiles, emprendemento e busca de emprego no sector dixital.
Os participantes tamén recibirán a visita de emprendedores e emprendedoras que tiveron a clave do seu éxito na estratexia de comunicación dixital, e que achegarán a súa experiencia para servirlles de fonte de inspiración.
Segundo informa a UVigo, o Curso Básico en Marketing Dixital tan só é “unha pequena parte do catálogo que Actívate ten previsto desenvolver durante este ano, con diferentes actividades relacionadas co ámbito dos medios dixitais”. O programa volverá ao campus galego o vindeiro 23 de maio cunha actividade formativa en emprendemento, na que se ensinarán os primeiros pasos para crear unha empresa, en equipo e a través da acción.

PUBLICIDADE