A Universidade de Vigo potencia o traballo en equipo a través das TIC

xoves, 17 de novembro do 2011 Raquel Noya

O traballo en equipo sempre foi un requisito case imprescindible para que calquera empresa medianamente importante levase a cabo a súa actividade diaria coa maior eficacia e operatividade posible. Agora ben, coa chegada das novas tecnoloxías, o traballo en equipo segue a ser igual de importante e de valioso para calquera entidade, porén a forma de levalo a cabo mudou de tal maneira que as distancias no tempo e no espazo xa non son un atranco senón unha vantaxe, e as ferramentas a usar non só serven para comunicarse senón para establecer verdadeiros vínculos de colaboración entre usuarios.
Na Universidade de Vigo, onde se aposta continuamente por formar aos alumnos e alumnas nas técnicas e ferramentas máis innovadoras do momento, tamén saben da importancia do traballo en equipo para unha empresa, e máis aínda, do traballo virtual en equipo, que se pode levar a cabo grazas a ferramentas tecnolóxicas como as redes sociais ou as aplicacións específicas.
Xa que logo, as facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e de Fisioterapia do campus de Pontevedra, van organizar cadanseu ciclo de conferencias, a fin de fomentar o traballo en equipo a través de distintas contornas tecnolóxicas.
En concreto, a facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, da man da profesora Mari Lires, vai organizar o ciclo de conferencias Deseño e avaliación de proxectos destinados ás etapas educativas de Infantil e Primaria nunha contorna cooperativa e blended-learning, definido no DUVI como “o uso de estratexias de aprendizaxe cooperativa semipresencial”.
En poucas palabras, con este ciclo de relatorios o que se pretende é implantar unha acción de innovación educativa na docencia da facultade, así como potenciar a integración das TIC nos proxectos docentes.
Asemade, preténdese achegarlle aos alumnos as posibilidades que ofrece a Plataforma TEMA como ferramenta para a cooperación en liña, e descubrir as vantaxes do seu uso.
Pola súa banda, a Facultade de Fisioterapia organiza un ciclo de conferencias destinado a promover o uso de programas informáticos de colaboración en liña que os alumnos teñen á súa disposición de balde na Rede, tales como o Google Plus, o Teamviewer ou o Dropbox.
Estas aplicacións serán debulladas polo experto Javier Baron López, profesor da Universidade de Málaga, quen afondará nas novas tecnoloxías educativas que acolle Internet para o traballo diario de estudantes, docentes e investigadores.

PUBLICIDADE