A Universidade de Vigo favorecerá a introdución de Linux no eido da docencia

xoves, 11 de marzo do 2010 Fernando Sarasketa

O software privativo, de non explicarse por si só, conta coa axuda de departamentos e oficinas empresariais de promoción de todo o mundo para velar por el e informar do seu. De feito, se temos en conta o moito que ten falado Microsoft dos seus produtos e do seu espallamento en computadores de todo o mundo, xa case non son precisas máis explicacións sobre a natureza do software pechado. Porén, hai máis mundos-software, e algúns deles impulsados por voluntarios ou por empresas pequenas a moita distancia da capacidade informativa de Microsoft. De falar destas alternativas é do que trata a nova iniciativa de divulgación informática da Universidade de Vigo, Linux na docencia universitaria, un curso dirixido a explicarlles aos usuarios de Windows “que Linux lles ofrece as mesmas funcionalidades, ten un manexo igual de doado e, aínda por enriba, non custa ren”. A actividade, organizada pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa, encamíñase sobre todo ao profesorado dos tres campus vigueses.
O prazo da matrícula ficará aberto ata o 29 de marzo e as clases impartiranse a comezos do mes de maio. Respecto ao programa do curso, dicir que consiste nunha visión o máis ampla posible sobre Linux, o sistema operativo aberto, abranguendo tódolos elementos básicos que son precisos para o seu emprego: instalación, configuración da contorna, xestión de arquivos, administración do sistema ou realización de copias.
Segundo informa a Universidade de Vigo, o curso celebrarase entre o 3 e o 10 de maio e estará impartido polo profesor Xosé Antón Vila Sobrino. O período de matrícula iniciouse o pasado 4 de marzo e (como dixemos) permanecerá aberto ata o día 29, podéndose formalizar a través da plataforma Bubela da Área de Posgrao Virtual. Ofertase un máximo de 20 prazas, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición.
Os interesados nesta acción formativa poden solicitar máis información no enderezo de correo electrónico formacion.profesorado@uvigo.es Este enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver ou no teléfono 986 813 596.

PUBLICIDADE