A Universidade de Vigo estréase no voto electrónico

venres, 30 de abril do 2010 Raquel Noya

O vindeiro 20 de maio, os estudantes e mestres dalgúns departamentos da Universidade de Vigo van ter a posibilidade de comprobar de primeira man o funcionamento do voto electrónico, ao poder exercer este dereito mediante unha modalidade novidosa na entidade.
En total serán preto de 4000 persoas as que poidan estrear o sistema de voto en liña para escoller aos seus representantes de 4 departamentos. Para isto, as persoas usuarias deberán dispor dun certificado dixital, así como dun sistema de usuario/contrasinal ou PIN que lles proporcionará a entidade académica.
Esta experiencia piloto que segundo a secretaria xeral da Universidade, Esther González, “é dunha gran relevancia porque vai servir de experimento para a implantación definitiva do sistema de voto electrónico nos vindeiros procesos electorais da Universidade”, forma parte do plan da Xunta de Galicia destinado ao desenvolvemento da Sociedade da Información.
No caso das universidades galegas este plan materializouse na sinatura dun convenio de colaboración polo cal se establece un sistema dixital que será proporcionado pola empresa Scytl Secure Electronic Voting (Scytl).
Este sistema, cuxa presentación tivo lugar hoxe na Universidade de Vigo, vai facilitar a participación universal en condicións de igualdade e seguridade nos procesos electorais universitarios e permitirá o aforro e simplificación dos trámites requeridos en calquera proceso electoral.
Dereito Público; Dereito Privado; Enxeñaría dos Materiais, Mecánica Aplicada e Construción e Deseño na Enxeñaría, son os catro departamentos da Universidade de Vigo nos que haberá votación electrónica e nos que segundo afirman dende a entidade, haberá “total seguridade e garantía de transparencia, así como confidencialidade de voto”.
A comodidade de votar desde calquera ordenador, o aforro de recursos persoais e materiais e a protección medioambiental, son algunhas das vantaxes que conleva o uso do voto electrónico de Scytl (entidade cen por cento de capital español), que xa se empregou con éxito noutros procesos electorais desenvolvidos en EEUU, Francia e Noruega.

PUBLICIDADE