A Universidade de Vigo convoca uns premios para elixir as empresas innovadoras que estrearán a súa incubadora

luns, 7 de novembro do 2011 Fernando Sarasketa

José Antonio Vilán, vicerreitor de Transferencia do Coñecemento, en dependencias da pre-incubadora

Hai espazos protexidos naturais pero tamén hai escenarios empresariais con semellantes condicións de coidados, asesoramento e salvagarda. Todo disposto para que se dean as meirandes e mellores posibilidades de crecemento e posterior independencia. Un destes espazos é a incubadora INCUVI, o acubillo para novas (e innovadoras) empresas postas en marcha polo estudantado e as/os novas/os tituladas e titulados da Universidade de Vigo, unha iniciativa que bota a camiñar en xaneiro con seis propostas de vangarda.
Por certo que esta media ducia de proxectos serán os gañadores da primeira edición dos Premios INCUVI-Emprende, un certame ao que nos poderemos presentar até o vindeiro 1 de decembro e que, segundo informa a Universidade de Vigo reflectindo declaracións do vicerreitor José Antonio Vilán, permitirá o acceso a unha plataforma destinada a fortalecer as posibilidades que ten unha idea creativa de mercado de converterse en realidade palpábel.
A pre-incubadora INCUVI vén da man da Universidade, de Cidade Universitaria e da Fundación Universidade de Vigo co fin de responder á “situación que atravesan as persoas que queren iniciar novos proxectos empresariais”. Xunto con estas tres entidades son patrocinadores da incubadora Novacaixagalicia, Banco Santander, PSA Peugeot Citroën, AJE Galicia, ASIME e o Consorcio da Zona Franca de Vigo.
O Premio INCUVI-Emprende abrolla pois para “actuar de filtro das propostas de innovación e emprendemento xeradas na Universidade e seleccionar aquelas cun maior potencial de desenvolvemento”. Na primeira entrega concederanse seis premios que se corresponden coas seis oficinas das que dispón INCUVI. Os proxectos elixidos, informa o vicerreitor, gozarán dunha estancia que “implica dotalos dunha infraestrutura que, doutro xeito, suporía un gasto dificilmente asumible e que lles permitirá avanzar no desenvolvemento da súa idea, dispoñendo así dunha oficina de 15 metros cadrados, equipada con mobiliario e acceso a internet, ademais do asesoramento directo en temas relacionados coa creación de empresas, temas legais societarios e laborais, co fin de poder levar a cabo un plan de negocio que desemboque na creación dunha empresa”.
A posta en marcha efectiva desta nova infraestrutura universitaria terá lugar en xaneiro, unha vez sexa publicada a resolución dos gañadores do premio.

PUBLICIDADE