A Universidade de Vigo cede as instalacións de CITEXVI ás empresas de alicerce tecnolóxico

xoves, 31 de xaneiro do 2013 Redacción

Levar a cabo unha idea sempre é tarefa difícil e a día de hoxe, cos atrancos que supón a omnipresente crise, máis aínda... Co obxectivo de brindar o apoio pertinente a empresas de base tecnolóxica que abrollen ao abeiro da Universidade de Vigo, a dita institución educativa emprestará as instalacións de CITEXVI (Cidade Tecnolóxica de Vigo) para que estes negocios comecen a súa andaina. Cómpre dicir que estas axudas están artelladas nunha convocatoria que permanecerá aberta durante este ano 2013 e que permitirá ás EBTs (Empresas de Base Tecnolóxica) beneficiarse dunha redución do 50% nos gastos destes espazos ao longo de 24 meses, amais da subvención de certos custos relacionados coa posta a punto dos mesmos.
Engadir que esta convocatoria vai encamiñada a todas as empresas de base tecnolóxica vinculadas coa Universidade de Vigo e que teñan como alicerce proxectos de I+D+i relacionados coa mesma, ademais de teren formalizado o correspondente acordo de transferencia tecnolóxica coa Universidade.
Informar que os espazos dispoñibles en CITEXVI contan cunha superficie total de 153,26 m2 (sendo o espazo mínimo a ocupar de 36 m2) están sen mobiliario pero dotados de sistema de climatización por chan radiante e fancoils, cableado estruturado e caixas de chan para tomas, instalacións de comunicacións de voz e datos, con bandexa de elementos de conexión, pasafíos, acceso a Internet de banda ancha, uso de direccións IP, conectividade WiFi e sistema de alimentación ininterrompido. Con todo, a dispoñibilidade destes espazos trae parello: un servizo de telefonía IP, acceso a internet de até 6 Mbps, chamadas gratuítas a fixos de outras entidades dentro de CITEXVI ou chamadas de videoconferencia a través de direccións IP de balde. Engadir que as empresas seleccionadas están obrigadas a asinar un contrato con CITEXVI para o uso temporal das instalacións, para o que se destinará de xeito obrigatorio a achega económica concedida pola Universidade de Vigo, que será sempre dun máximo do 50% do importe total, correspondéndolle a porcentaxe restante á entidade beneficiaria.
Por último, subliñar que este non é o único paso que a Universidade de Vigo levou a cabo a prol dos emprendedores, pois detrás deste tipo de achegas xa se atopan 15 EBTs, creadas dende 2004 dentro do programa Empresa-Concepto.

PUBLICIDADE