A Universidade de Vigo acollerá dúas novas aulas de robótica e software industrial

luns, 12 de xaneiro do 2009 Fernando Sarasketa

A Universidade de Vigo acolleu os días pasados un duplo acordo académico-empresarial que en boa medida certifica a arela de medre das enxeñerías perante un escenario, o actual, do que aínda non se ve a fin da costa abaixo da recesión económica. Dito doutro xeito: onde noutros sectores hai cancelación de proxectos e acordos, no eido do coñecemento tecnolóxico segue a rastrexarse o contrario, comezando dende o que poderíamos considerar o primeiro sinal de boa saúde: a demanda de traballadores. Neste senso, e a propósito do acordo asinado entre a dirección da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros da Universidade de Vigo e as empresas Fanuc Robotics (robótica) e Wonderware (software industrial), confírmase para a institución educativa galega que as firmas do eido tecnolóxico máis especializado seguen a procurar fichaxes no eido universitario. Diso precisamente tratou o convenio duplo asinado en Vigo a pasada semana: de renovar unha colaboración xa existente para poñer en marcha proxectos de inserción laboral, laboratorios-aula específicos e diversos programas de formación.
Na sinatura, que foi a maiores un recordamento das vantaxes mutuas deste tipo de actividades de colaboración (para os estudantes, porque melloran as capacidades no mercado laboral, e para as empresas, que se nutren do espírito innovador que flúe do campus), fixeron acto de presenza o reitor Alberto Gago e o profesor de Enxeñería de Sistemas e Automática e colaborador da web Código Cero, Ignacio Armesto.
Tanto eles como o director da Escola, Luís González Piñeiro, agradeceron ás ditas empresas o seu compromiso coa Universidade en accións formativas, no asesoramento de proxectos de fin de carreira dos estudantes e na habilitación de dous novos espazos físicos de aprendizaxe equipados co material achegado por ambas compañías.
Polo que respecta ás empresas, tamén tiveron palabras de apoio, agradecemento e confianza. Wonderware sinalou o importante servizo representado polas universidades á hora de cubrir amplos baleiros de oferta laboral enxeñeira en determinadas zonas de España. Ao seu xuízo, un acordo coma o devandito é unha garantía de futuro: “O convenio coa Universidade vai permitir contar a medio e longo prazo con xente moi ben preparada e que xa está afeita aos nosos produtos de software”, sinalou Jordi Rey, representante de Wonderware. Para Fanuc, que contou coa presenza de Bob Struijk (general manager), unha boa parte das esperanzas do sector das novas tecnoloxías e da economía do futuro en xeral (cada vez máis necesitada de coñecemento) está precisamente no diálogo entre as empresas e as universidades, e máis polo miúdo en proxectos como as novas aulas que van ser postas en marcha en Vigo, espazos que van permitir aos estudantes e docentes “tocar a realidade e a práctica, algo moi importante para a súa formación”, sinalou. Estas aulas, que se unen ás xa existentes achegadas por Siemens, Schneider ou Rockwell, forman parte dun proxecto educativo máis amplo encamiñado a crear cursos de entre 40 e 80 horas adaptados ás empresas coas que a Escola Técnica Superior está a colaborar e que, en palabras de Ignacio Armesto, poderán ser o alicerce ou xermolo dun futuro máster en automatización industrial.

PUBLICIDADE