A Universidade de Vigo acolle un curso de mellora en OpenOffice para docentes
martes 2 de febreiro do 2010, por | |
| Compartir |

- Xosé Antón Vila, profesor do curso
Ao falar de formación dixital entre a
comunidade universitaria temos a tendencia de incluír unicamente ao alumnado.
Porén, o eido de acción destas novas tecnoloxías do coñecemento é máis amplo,
chegando non só a quen recibe eses datos senón tamén a quen lles dá forma e os
emite. O caso é que tanto nun sentido como noutro, a necesidade de actualización
é constante. Nesta liña de mellorar a canle e a feitura dos datos é onde se
insire o curso OpenOffice
e o seu uso na docencia universitaria que acolle o vindeiro mes a Universidade de
Vigo, actividade que servirá entre outras cousas para
afondar no emprego do dito paquete libre de programas ofimáticos e que abrangue
procesador de textos, folla de cálculo, presentacións, ferramentas de debuxo
vectorial e base de datos.
O curso, organizado en Vigo pola Vicerreitoría de Formación e Innovación
Educativa, contará coa participación en labores de docencia de Xosé Antón Vila,
profesor da ETSE de Enxeñería Informática, que afondará perante os seus
compañeiros nas múltiples e variadas posibilidades que ofrecen estes sistemas
operativos libres.
A iniciativa, de dez horas de duración, desenvolverase os días 8 e 15 de marzo de 10.00 a 14.00 horas e o 22 de marzo de 10.00
a 12.00 horas.
Segundo informa a Universidade, serán tres
sesións dirixidas a calquera docente que estea interesado en aplicar as
ferramentas do software libre ás súas materias. Os métodos a empregar serán os
de prácticas guiadas e o material dispoñible ao completo ficará dispoñible na
web para quen desexe facer uso del ou desenvolvelo, do mesmo xeito que calquera
outra ferramenta informática aberta.
Entre outros temas, practicarase con
procesadores de texto, presentacións multimedia, follas de cálculo e ecuacións
matemáticas, bases de datos e tamén programas de debuxo.
O curso, que xa ten aberto o período de
matrícula, conta con 20 prazas que se irán cubrindo por rigorosa orde de
inscrición. A reserva de praza pode facerse a través da plataforma dixital, Bubela, ou tamén
pedindo información no teléfono 986813596 ou no correo electrónico formacion.profesorado@uvigo.es.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68














