AOI

Deputacin de Pontevedra

O noso boletín por e-mail conta xa con 3033 lectores. ¡Subscríbete!
Código Cero

Diario de Novas Tecnolóxicas de Galicia

A Universidade da Coruña aposta polo emprego de blogs como ferramenta de ensino

xoves 4 de marzo do 2010, por Raquel Noya | | Compartir | |

A Unidade de Investigación sobre Arquitectura do Departamento de Composición da Universidade da Coruña leva catro anos empregando os blogs como ferramenta de apoio á docencia, cuns resultados moi satisfactorios en canto a eficacia no ensino e cunha aceptación moi boa por parte do alumnado. En concreto, a materia Introdución á Arquitectura, que se imparte no primeiro curso da titulación en Arquitectura, emprega o blog iala0910, unha ferramenta didáctica, útil e eficaz para alumnos e profesores, que permite, segundo informan dende a entidade académica, “unha maior comunicación e fomenta a capacidade crítica e expresiva, ademais de ser unha posible forma de avaliación continua”.
Os responsables desta ferramenta en liña aseguran estar a detectar, ano tras ano, “que os douscentos alumnos que ingresan anualmente perderon a actitude participativa de outros tempos”, porén, aseguran que “o alumno de primeiro curso chega cun maior coñecemento das novas tecnoloxías, ferramentas e aplicacións vencelladas a sistemas informáticos e a Internet”, algo que permite empregar os blogs como ferramenta de ensino-aprendizaxe de maneira moi eficaz e cuns resultados moi satisfactorios.
Tal e como se expuso nos Congresos Internacionais de Educación Universitaria realizados nos últimos anos en Xirona e Vigo, o blog de Introducción á Arquitectura (ao igual que tódolos blogs empregados no entorno educativo) é asemade unha excelente ferramenta de avaliación contínua, que co tempo pode chegar a substituir aos modelos de ensino tradicional, presentándose como unha alternativa docente a ter en conta no inminente Espazo Europeo de Educación Superior.
Segundo informa o profesor Antonio S. Río Vázquez, un dos encargados do devandito departamento, “actualmente, a educación no noso país non avanza ó mesmo ritmo que o fai a tecnoloxía, como avisan desde a Unión Europea”, “con todo”, engade, “a rapidez das innovacións tecnolóxicas apenas permite que poida disporse da perspectiva necesaria para ter en conta as dimensións organizativa, social e cultural dos seus usos”.
Xa que logo, aseguran que a web 2.0 preséntase como un “espazo útil que permite un rápido proceso de axuste para todos: lugar dos usuarios, lugar de interacción, lugar social, lugar tecnolóxico, escenario onde conflúen usuarios, servizos, medios e multitude de ferramentas”, o que fai que o uso deste blog se encaixe á perfección no seu propósito de empregar un modelo de ensino máis aberto e participativo.

 

Grupo Código Cero Comunicación, S.L.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com

 RSS