A Universidade da Coruña acolle esta semana un congreso centrado na intelixencia artificial

luns, 16 de setembro do 2013 Redacción

Esta semana desenvólvese na Coruña o congreso LPNMR (International Conference on Login Programming and Non-monotonic Reasoning), un evento que xirará arredor da informática e, máis polo miúdo, o eido da intelixencia artificial. Cómpre dicir que edicións anteriores deste congreso foron realizadas en universidades tan senlleiras como as de Canadá, Estados Unidos, Austria ou Alemaña. Desta volta é a Coruña a que acolle esta xuntanza que prevé reunir a máis dun cento de expertos procedentes de distintas universidades de 25 países, sendo a representación galega presidida pola Universidade da Coruña tanto como sede das sesións como no seu papel de entidade organizadora, representada no comité polo profesor do departamento de Ciencia Computacional Pedro Cabalar.
A cerimonia de recepción de participantes deste encontro levábase a cabo o domingo 15 de setembro, ás 19:30 horas no Paraninfo da Universidade coruñesa, celebrado de xeito parello co obradoiro CLIMA XIV. As sesións de traballo comezaban o mesmo domingo na Facultade de Informática, pero a apertura oficial tiña lugar hoxe -luns 16 de setembro- coa conferencia dun dos máis salientables expertos do mundo en intelixencia artificial, o profesor do departamento de Computación do Imperial College of London Robert Kowalsky.
Por último, engadir que este congreso estará centrado en dúas grandes áreas de investigación: a Programación lóxica declarativa e o Razoamento non-monótono, un campo pertencente ao ámbito da intelixencia artificial. No que respecta ao obradoiro CLIMA, dicir que ten un perfil semellante, pois está incluído tamén no eido da intelixencia artificial, pero centrado na aplicación da lóxica computacional a sistemas multi-axente.

PUBLICIDADE