A Universidade Pontifica de Salamanca pásase ao sistema libre Koha da man da galega Xercode

mércores, 26 de febreiro do 2014 Redacción

Que as universidades están a facer esforzos por tirar abaixo barreiras na comunicación é un feito que está fóra de dúbida. A fin de contas, o software sen barreiras (o software libre) permítelles boa marxe de manobra en materia de adaptacións futuras, menos dependencia empresarial e, cómpre non esquecelo, menos desembolso de cartos. Unha destas institucións é a Universidade Pontificia de Salamanca (UPSA), pioneira a nivel estatal en migración cara a sistemas abertos en materia de xestión bibliotecaria. Máis polo miúdo, é a primeira universidade española que abandona o sistema privativo Innopac Millennium para afianzar no seu seo o sistema open source Koha ILS. Así nolo conta Mancomún reflectindo informacións da empresa galega Xercode, encargada de levar a cabo todo o proceso.
Un tipo de proceso que, cómpre telo en conta, constitúe un traballo complexo e de precisión. De feito, neste caso concreto requiriu longas e exhaustivas tarefas de análise e deseño de procedementos, nos que a a firma galega e a universidade traballaron ombro con ombro co fin de achegar “un resultado óptimo”, informa Xercode. En palabras de Maribel Manzano, subdirectora da biblioteca, “con máis de 350.000 rexistros bibliográficos para migrar, é necesario ter a seguridade de que contas co respaldo dunha empresa que coñeza perfectamente o sistema e cuxa resposta a calquera cuestión sexa inmediata”.
Koha ILS significa para a UPSA “un importante avance organizativo e de identidade, que pon á súa disposición os aspectos funcionais e de xestión requiridos dentro das bibliotecas académicas e que, dado o seu carácter de fonte aberta, permitiralles dispoñer dun sistema actualizado, adaptados ás súas necesidades e un aforro económico respecto dos sistemas comercias con licenzas”. Lembrar que Koha ILS é un sistema integrado de xestión de bibliotecas (SIXB) distribuído con licenza GPL2. Foi o primeiro SIXB libre e o seu desenvolvemento está promovido por bibliotecas de diversos tipos e tamaños, voluntarios, e empresas de todo o mundo. Xercode, pola súa banda, é unha firma galega integrada na asociación AGASOL e pioneira a nivel estatal en achegar soporte oficial a Koha ILS. Nesta liña ofrece servizos para todo o ciclo de afianzamento do sistema: consultoría, instalación, desenvolvemento, migración, formación, soporte e mantemento evolutivo.

PUBLICIDADE