A Universidade Autónoma de Madrid encárgalle unha aplicación a Aratech

mércores, 14 de maio do 2014 Redacción

A empresa galego-madrileña Aratechnology -de base tecnolóxica e centrada en solucións cloud e apps móbiles (SaaS)- vén de anunciar un encargo por parte da Universidade Autónoma de Madrid (UAM), estamos a falar da realización dunha aplicación nativa iOS/Android para a súa Unidade de Cultura Científica denominada UAM Gazette. Máis polo miúdo, a empresa con sede no Milladoiro e na capital do Estado vai desenvolver unha aplicación móbil para iOS e Android que permitirá aos usuarios acceder aos contidos producidos pola Unidade de Cultura Científica da Universidade Autónoma de Madrid.
Esta aplicación é pioneira, xa que é a primeira que se realiza para a universidade, sinalan fontes de Aratech. Esta ferramenta disporá de diferentes seccións que servirán para categorizar a información contida na mesma, denominadas: Novas Científicas, Artigos de Divulgación, Galería de Imaxes (e vídeos), Axenda de Actividades e Acerca de.
Á aplicación poderase acceder desde smartphone e tablet e irá acompañada dun xestor de contidos Web desde o que se poderán dar de alta os contidos que se queiran colocar na app. Aratech emprestará un servizo completo á Universidade Autónoma de Madrid no que se incluirá a análise, deseño, desenvolvemento, testing e subida ás market correspondentes. A tecnoloxía elixida para este proxecto é a axeitada á plataforma Android-Java, iOS-Objective-C e PHP Web Linux. Esta aplicación permitirá á UAM dar unha meirande accesibilidade aos contidos da súa Unidade Cultural tanto aos alumnos coma ao público en xeral.

PUBLICIDADE