A UVigo presenta un sistema de iluminación LED intelixente que achega datos ambientais
xoves, 23 de setembro do 2021
Este
mércores 22 celebrouse a xornada de peche do proxecto Interreg
Nanoeaters, en formato en liña. Nela déronse a coñecer as
solucións nanotecnolóxicas desenvolvidas ao seu abeiro para atender
as necesidades das empresas galegas e do Norte de Portugal. Entre
elas, o
equipo da UVigo presentou un sistema de iluminación LED intelixente
que permitiría “obter información ambiental da contorna” e
que se ten instalado nas lámpadas do Camiño da Igualdade do Campus
de Ourense.
Na
xornada, Humberto Michinel, catedrático do Departamento de Física
Aplicada, foi o encargado de facer balance dos traballos levados a
cabo dende o dito campus: “A nosa contribución ao proxecto POCTEP
Nanoeaters foi o desenvolvemento dun sistema de iluminación
intelixente que permite obter información sobre variábeis medio
ambientais”, sinala Michinel. O sistema habilitouse de xeito
experimental en instalacións da UVigo na cidade das Burgas e foi
levado a cabo en colaboración co INL de Braga e coordinado pola
Axencia Galega de Innovación, GAIN.
Segundo
explicou Michinel, o desafío afrontado foi o desenvolvemento “de
sistemas de iluminación máis eficientes baseados en LED para
Cidades Intelixentes”, empregando nanofotónica e integrando
solucións IoT (Internet das Cousas). En concreto, deuse forma a unha
lámpada intelixente con chip LED e sistema de comunicacións baseado
en IoT que permite monitorizar variábeis medio ambientais en
contornas urbanas, como a calidade do aire, e estudar efectos
térmicos. Igualmente, no proxecto traballaron a incorporación
destas lámpadas LED intelixentes a sistemas de eficiencia
enerxética, co obxectivo de reducir o consumo enerxético e o
control da polución luminosa. Desenvolveuse unha instalación
demostrativa con 15 destas lámpadas intelixentes funcionando no
Campus de Ourense, concretamente na zona de xardíns, no coñecido
como Camiño da Igualdade. Na iniciativa participaron tamén as
empresas galegas Gallaecia Broadcast e Energesis Home.
O
proxecto Nanoeaters, cofinanciado polo Fondo Europeo de
Desenvolvemento Rexional Feder a través do Programa Interreg V-A
España-Portugal (c) 2014-2020 cun orzamento de máis de 4 millóns
de euros, está liderado pola Axencia Galega de Innovación (Gain) da
Xunta de Galicia e conta coa participación do International Iberian
Nanotecnology Laboratory, de Braga, Portugal; as universidades de
Vigo e Santiago de Compostela; o Centro Tecnolóxico de
Telecomunicacións de Galicia-Gradiant; o Centro Tecnolóxico de
Automoción de Galicia-CTAG; a Asociación de Investigación
Metalúrxica do Noroeste (Aimen), e a Fundación Biomédica Galicia
Sur. A súa misión é apoiar ás empresas da Eurorrexión na
aplicación de solucións nanotecnóloxicas que ofrezan respostas
efectivas ás debilidades detectadas na Estratexia de Especialización
Intelixente da dita contorna galego-lusa.