A UVigo participará nunha cátedra para a análise do proceso de dixitalización das televisións autónomicas europeas

xoves, 5 de outubro do 2023 S. P.

A Cátedra Circom-UVigo, cuxa creación era asinada este mércores 4 de outubro, pola Universidade de Vigo e Circom Regional, a asociación internacional de profesionais que traballan no eido dos medios audiovisuais públicos rexionais en Europa, nace coa vontade de analizar o proceso de dixitalización das televisións rexionais.
Dicir que nesta cátedra estará presente o profesor da Facultade de Comunicación José Rúas, que xunto cun equipo de investigación do centro, se encargarán de realizar un estudo cualitativo e mapeo que permita coñecer as tendencias en innovación e adaptación á transformación dixital nas televisións públicas rexionais europeas. Tamén tratarán outros temas como a loita contra a desinformación a nivel local e rexional e a preservación da lingua, a cultura, a diversidade e a conexión emocional entre medios e audiencia nun contexto de proximidade.
No acto de sinatura celebrado este mércores 4 de outubro participaron o reitor, Manuel Reigosa, xunto con Fernando R. Ojea, director de contidos da CRTVG e actual secretario xeral de Circom Rexional, que reúne 250 canles e centros de produción rexionais de 29 países europeos.
O grupo Circom considera unha vantaxe “ter un socio como a Universidade de Vigo que nos permita coñecer a realidade de cada caso e compartir información sobre transformación dixital e transformación interna nas redaccións e nas organizacións dos medios”. O director académico da cátedra, José Rúas, salinetou o feito de que a UVigo sexa a primeira universidade europea en asinar un convenio destas características coa rede Circom, na que están varias entidades españolas, como Telemadrid, a EITB ou a CRTVG. Sobre esta última, Rúas quixo subliñar a súa “boa disposición e axuda para acadar este acordo” e sinalou o feito de que a cátedra contará con investigadores vencellados ás tres universidades galegas, amais da Carlos III de Madrid, da Central European University de Viena e da Universidade de Primorska, en Eslovenia, na que imparte docencia Zoran Medved, o project manager desta cátedra e directivo da RTV eslovena.
Emporiso, a cátedra ten unha dobre finalidade: por unha banda, estudaranse os procesos de innovación e dixitalización nas redes de radio e televisión rexionais europeas da rede Circom. Ou sexa, investigar a innovación tecnolóxica, identificar as necesidades actuais do sector audiovisual e os perfís profesionais demandados nos medios e coñecer os procesos de produción de contidos baseados na difusión en redes sociais e plataformas. Para a elaboración desta radiografía realizarase un estudo en dúas ondas, a primeira en 2023 e a segunda en 2024, e a metodoloxía basearase na realización de 352 entrevistas en profundidade cos responsábeis dos departamentos de Dixital e Social Media; Recursos Humanos; Legal e Xurídico e Contidos de 44 estacións de radio e televisión de 29 países.
Unha segunda liña de traballo estará encamiñada a analizar o tipo de contidos que publican as televisións autonómicas nas diferentes redes sociais. Para isto, os investigadores avaliarán o engagement das publicacións nas RRSS das televisións autonómicas; estudarán se estas fomentan a participación e a interacción cidadá e xeran conversación entre usuarios a través dos contidos publicados ou se se manteñen como unha canle de comunicación unidireccional e, derivado do anterior, examinarán se as publicacións nas redes das TV analizadas xeran conversa de acordo cos principios dialóxicos (interface sinxela, información útil, retención de visitas, xeración de visitas repetidas, etc.) e avaliarán o grao de interacción cos usuarios.
Por último, e de xeito parello a estas dúas liñas de traballo, crearase o Circom-UVigo Hub, un lugar de encontro e intercambio entre académicos e profesionais, e impartiranse unha serie de obradoiros de temáticas diversas.

PUBLICIDADE