A UVigo, o Clúster TIC e Abanca ofrecerán formación tecnolóxica de balde

mércores, 22 de abril do 2020 Redacción

O Clúster TIC Galicia e Abanca, coa alianza estratéxica da Universidade de Vigo e a colaboración da Imatia e Bysidecar, impulsaron o lanzamento de Campus Dual, unha iniciativa pioneira e innovadora dirixida a dotar á comunidade autónoma galega dunha “canteira de talento laboral no ámbito das Tecnoloxías da Información e a Comunicación, converténdose así nunha nova fonte de desenvolvemento social”, en palabras da UVigo, que salientou que a iniciativa incluirá formación cen por cen de balde.
Vinculado ás actuacións do Plan de Promoción do Talento Dixital da Xunta, ao que está adherido o Clúster TIC, e coa incorporación de Abanca, este programa trata de axudar a paliar “a grave situación económica creada pola COVID-19”, pondo enriba da mesa toda unha serie de cursos formativos totalmente gratuítos e que capacitan para traballar no sector TIC. Estas iniciativas formativas están abertas tanto a estudantes de Formación Profesional e universitarios/as que están acabando os seus estudos e non contan cunha empresa onde realizar as prácticas que necesitan para iniciar a súa incorporación laboral, como a persoas con experiencia profesional que foran vítimas da ola de despidos provocada por esta crise, se ben, en ambos casos, as prazas son limitadas e efectuarase un proceso de selección.
Os cursos terán unha duración de 12 semanas e organizaranse en grupos de nove estudantes, divididos en equipos de tres persoas que serán supervisados por programadores/as profesionais da spin-off da UVigo Imatia Innovation. “Son programas formativos moi prácticos”, informou a Universidade, engadindo que as actividades serán semellantes “ás que pode atopar un usuario ou usuaria nun posto de traballo, combinando sesións en grupo, aprendizaxe individual e traballo en equipo”.

PUBLICIDADE