A UVigo lanza un globo á estratosfera para analizar os compoñentes do satélite FemtoSat

martes, 19 de febreiro do 2013 Redacción

O Grupo de Enxeñaría Mecánica e Automoción (CIMA) traballa arreo nun experimento pioneiro para analizar compoñentes e subsistemas nun ambiente con características semellantes a estar en órbita. Para isto -Gabriel García, Miguel López, Pablo Yáñez e Jacob López- lanzaron dende o aparcadoiro da Escola de Enxeñería Industrial o globo Ballon Xat 001, que forma parte deste proxecto da Universidade de Vigo co que se quere comprobar compoñentes e sistemas novos picosatélites mediante o lanzamento deste globo á estratosfera. Dicir que o devandito ensaio constará de cinco lanzamentos máis para ir probando o comportamento das baterías, o sistema de despregue de antenas, paneis solares, electrónica… e todo isto a un custe menor do que suporía enviar o aparello ao espazo.
Engadir que este será o lanzamento máis sinxelo, xa que nos vindeiros globos irán facéndose probas de hardware dentro do proxecto FemtoXat, co que se vai desenvolver un dos satélites máis lixeiros do mundo, con apenas 250 gramos.
Máis polo miúdo, o globo de látex lanzado á estratosfera tiña 1,5 metros de diámetro, foi enchido con helio e acadou os 30.000 metros de altura (o triplo dun voo comercial). A esa altitude o globo estourou, soltando a valixa cunha carga útil que suxeita a un paracaídas descendeu até caer, 180 minutos despois e a 140 quilómetros de Vigo, en Escairón (Lugo). O equipo recuperaba “a caixa negra” dos experimentos que contaba no seu interior cun sistema de medición e almacenamento dos valores de temperatura e do campo magnético terrestre; cunha cámara de vídeo encargada de filmar en todo intre; cun GPS e unha batería de ión-litio para posible uso en satélite.
Por último salientar que, logo do éxito importante do lanzamento do primeiro satélite galego e primeiro cubesat español -o XaTcobeo-, axiña se verá o lanzamento do Humsat e do FemtoXat; o primeiro en maio dende Rusia e o segundo a comezos de 2014.

PUBLICIDADE