A UVigo forma parte da primeira almacenaxe europea de materiais educativos audiovisuais

luns, 5 de outubro do 2015 Redacción

Manuel Fernández e Vicente Goyanes

A Universidade de Vigo é considerada un modelo a seguir (en España e en Europa) en canto a educación non presencial e teleensino, e afinando máis aínda, no uso de medios audiovisuais na educación, pois entre outras cousas, ten no seu haber máis de 10.000 horas de vídeos educativos en UvigoTV. Este feito pódenos levar a pensar que o tempo dos libros de texto ten as horas contadas, que xa arrancou a conta atrás que converte paseniño aos medios audiovisuais en soporte dos contidos educativos, traducíndose isto nunha revolución no eido do ensino.
No que atinxe a esta nova, non iriamos moi desencamiñados, pois a existencia dun gran repositorio europeo de materiais educativos audiovisuais, que permita a súa organización e catalogación (para axilización do persoal docente e investigador) é un novo reto no uso deses medios na educación, no que dende o ano 2014 traballa a Géant Association, unha asociación europea que agrupa ás redes nacionais de ciencia e tecnoloxía, que interconecta universidades e centros de investigación en cada país.
“Trátase de crear un gran repositorio que recolla toda a información de catalogación de todos eses vídeos aloxados en cada unha das institucións, artellando así, nun punto único, unha gran base de datos europea ou mesmo mundial que podería chegar a ter centenas de miles de pezas que poden ser buscadas, localizadas e empregadas como material educativo por docentes”, explica Vicente Goyanes, coordinador da asistencia técnica multimedia da Universidade de Vigo, que xunto co seu equipo desenvolve o paquete de traballo encargado á institución académica para a posta en marcha da Géant Association’s Open Education Resource (OER), que superada a piloto atópase xa na segunda fase. A nova plataforma consta de dous grandes bloques: un agregador de contidos, desenvolvido entre as redes nacionais de Israel e Grecia e un portal de presentación deses resultados deseñado en Vigo e baseado no sistema de catalogación de vídeo Pumukit, unha plataforma deseñada e liberada pola Universidade de Vigo, que permite automatizar o proceso de publicación vía internet de contidos audiovisuais a través de canles como YouTube.

PUBLICIDADE