PuntoGal

O noso boletín por e-mail conta xa con 2.886 lectores. ¡Subscríbete!
Código Cero

Diario de Novas Tecnolóxicas de Galicia

A Universidade de Vigo forma ao seu persoal con software libre para o tratamento da información xeográfica

mércores 27 de xaneiro do 2010, por Raquel Noya | | Compartir en Tuenti | Compartir |

O persoal docente da Universidade de Vigo, que aproveita cada oportunidade que lle brindan para formarse nas novas tecnoloxías e poder aplicalas aos seus métodos de ensino, apuraron os últimos días para matricularse nun curso para aprender a manexar sistemas de información xeográfica con software libre, e xa cubriron tódalas prazas dispoñibles.
O curso, que afonda no denominado gvSIC, un programa informático dirixido a facilitar o manexo de información xeográfica con precisión cartográfica que se distribúe como software libre, desenvolverase ao longo da primeira semana de febreiro na ETSE de Minas, e enfocarase de xeito práctico, sobre todo, cara a temas de análise da flora e da vexetación.
A idea xurde da iniciativa do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo, “ante a necesidade que temos os docentes e investigadores de pornos ao día na xestión de datos mediante sistemas de información xeográfica”, salientou o profesor Ramón Díaz, un dos coordinadores do curso. “Trátase de ferramentas moi versátiles e útiles que cada vez se están a empregar máis, pois facilitan moito tanto o almacenamento, como a xestión, análise e presentación final de bases de datos cunha compoñente xeográfica”, explica o docente.
O principal obxectivo deste curso, que está dividido en oito bloques temáticos, é que os docentes poidan empregar a información nas súas clases e aplicala empregando para elo software de fontes abertas, dispoñible para calquera usuario.
O programa parte dunha introdución xeral sobre conceptos básicos de cartografía e sistemas de información xeográfica, para logo centrarse no que é o programa en si e, sobre todo, na creación de mapas e nos diferentes xeitos de modelización da realidade para o seu emprego na cartografía.
Esta actividade insírese dentro das accións formativas institucionais da Universidade para o ano 2010, organizadas pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa, a través da Área de Innovación Educativa. A matrícula, caso de que algún dos matriculados renuncie á súa praza, pode formalizarse a través da plataforma Bubela da Área de Posgrao Virtual. A asistencia ao curso será certificada pola Universidade de Vigo a todas aquelas persoas que asistan, polo menos, a oito sesións completas das dez que ten o curso.

 

Grupo Código Cero Comunicación, S.L.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68

 RSS