A UVigo e Telefónica exploran novos vieiros de colaboración

mércores, 28 de abril do 2021 S. P.

Este 28 de abril o reitor da Universidade, Manuel Reigosa, mantivo unha xuntanza co novo director do Territorio Norte de Telefónica España, Manuel Ángel Alonso, e coa nova directora da compañía en Galicia e Portugal, Paula Rodríguez Beirán. Reigosa recibiunos como representantes dunha das principais compoñías de telecomunicacións do mundo e, tamén, como antigos estudantes da Universidade de Vigo, en concreto da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.
O obxectivo desta xuntanza foi manter unha primeira toma de contacto e presentarse dende que foron nomeados a mediados deste mes de abril. Tamén se sentaron os alicerces para novas colaboracións que engadir á Cátedra Telefónica da UVigo.
O novo responsábel de Telefónica para o norte de España explicou que dende a compañía están especialmente “preocupados pola falta de profesionais que hai en Galicia e en España, e mesmo en Europa, para acompañar a transformación da industria e da economía en xeral”. Para abordar este reto, tanto o responsábel de Telefónica na nosa terra como o reitor amosáronse abertos a explorar novas vías de colaboración máis aló das que xa unen a ambas institucións dende hai anos, como por exemplo a Cátedra Telefónica.
Manuel Reigosa, en nome da Universidade, agradeceulles a visita e destacou a importancia que ten para a UVigo a colaboración público-privada, en especial da man “dunha empresa como Telefónica que é un referente a nivel nacional e internacional”.
O reitor expresoulles o seu desexo de “escoitar cousas que nos poidades propoñer para un futuro, que é xa o presente, no que se refire a dixitalización”.

PUBLICIDADE