A UVigo e Mar impulsan unha app para optimizar a xestión da pesqueira da navalla

mércores, 3 de xullo do 2019 Redacción

Investigadores da Universidade de Vigo están a desenvolver unha aplicación móbil para mellorar a xestión da pesqueira tradicional da navalla, optimizando a explotación dos recursos. A tecnoloxía a materializar forma parte dun proxecto que vén de coller impulso cunha experiencia previa na ría de Pontevedra e no que participan (dende hai ano e medio) a Universidade de Vigo e a Consellería do Mar. O proxecto terá tres anos de duración e centrarase na variabilidade espacial do ciclo reprodutivo da devandita especie na ría de Vigo e a súa aplicación á xestión pesqueira.
Na iniciativa, liderada polo CIMA de Corón, participan (por parte da UVigo) investigadores do Centro de Investigación Mariña, tanto do grupo EcoCost como da ECIMAT (Estación de Ciencias Mariñas de Toralla), e do Grupo de Tecnoloxías da información de AtlantTIC. A finalidade é dar soporte á xestión da pesqueira da navalla, estudando, entre outros parámetros biolóxicos, a heteroxeneidade espacial na reprodución “a través de métodos de estudo sinxelos reproducíbeis nas confrarías”, segundo informan os centros implicados, engadindo que “os datos obtidos a través destes métodos, baseados nas características macro e microscópicas da gónada, serán introducidos de forma continua polo colectivo mariscador, asistencias técnicas das confrarías e biólogos e xestores da Consellería nunha aplicación móbil”.
Segundo explica a UVigo, “trátase de crear unha ferramenta, elaborada tanto para computadores como para dispositivos móbiles, que permita a todos os implicados na explotación e xestión do recurso visualizar o estado reprodutivo do recurso nos distintos bancos e así identificar o mellor intre e lugar para traballar, reducindo os períodos de peche e os descartes de exemplares producidos pola rotura do pé ao realizar a extracción nos momentos posteriores ás principais postas, un proceso coñecido por capamento”.
A día de hoxe, tanto o persoal científico da Universidade de Vigo como os navalleiros, o persoal das confrarías, os biólogos da Consellería do Mar e os investigadores do CIMA están xa recollendo datos, analizando información, desenvolvendo a ferramenta informática e participando en obradoiros formativos, que teñen lugar na ECIMAT, na illa de Toralla.
A ferramenta tecnolóxica resultante virá a cubrir un importante baleiro de información: a maioría das pesqueiras de pequena escala ou artesanais (boa parte das cales, a nivel estatal, son galegas) non teñen datos detallados precisos para comprender o verdadeiro estado do recurso e carecen dunha guía científica que axude na toma de decisións.
No proxecto, como dixemos, está a traballar o centro AtlanTIC, cuxas investigadoras e investigadores dan forma á plataforma tecnolóxica que sustentará boa parte da iniciativa. Esta plataforma permitirá cousas como visualizar o estado reprodutivo do recurso dos distintos bancos incluíndo un servidor de base de datos accesíbel de xeito remoto, un servidor de proceso e páxinas web de entrada/saída para mariscadores, asistencias técnicas e biólogos de zona, para móbiles Android e iOS e ordenadores de sobremesa.
Dentro do plan de traballo do proxecto, ademais das mostraxes e estudos de laboratorio, estanse a desenvolver unha serie de obradoiros prácticos. O último deles celebrouse este venres en Toralla coa participación máis dunha vintena de persoas, entre os que se atopaban navalleiros das confrarías de Moaña e Ribeira, asistencias técnicas de varios pósitos de Galicia, biólogos de zona e xestores da Consellería do Mar. Durante a xornada afondouse nos métodos empregados para coñecer o estado reprodutivo do molusco, presentáronse os resultados preliminares do ciclo biolóxico na ría de Vigo e o estado actual de desenvolvemento da aplicación informática. Os participantes debateron sobre o método devandito e a app, co fin de “incorporar todos os aspectos identificados polo sector que melloren a xestión do recurso”.
No ano 2020 celebraranse outros dous obradoiros, o primeiro deles centrado en amosar e discutir os datos finais do estudo do ciclo reprodutivo e presentar a plataforma xerada, que xa estará sendo empregada polo sector dende finais deste ano a modo de proba. O derradeiro obradoiro servirá para facer un seguimento da aplicación e poder poñela a punto. A plataforma estará aberta para todos os implicados na explotación e xestión da pesqueira da navalla en toda Galicia e será xestionada pola propia Consellería do Mar.

PUBLICIDADE