A UVigo acollerá o maior evento europeo de sistemas de información en educación superior

martes, 8 de novembro do 2022 S. P.

A UVigo será a encargada de organizar e acoller entre os días 14 ao 16 de xuño do vindeiro ao o congreso EUNIS2023, European Universities and the digital transformation: Challenges and opportunities ahead. EUNIS, é a organización europea de sistemas de información universitarios e o seu principal obxectivo é axudar ás institucións membros a desenvolver os seus sistemas informáticos, compartindo experiencias e traballando xuntos, segundo detallan Juan José Pazos e Martín López Nores, docentes e investigadores da UVigo e responsábeis do comité organizador.
Segundo engadiron, será “o maior evento europeo de sistemas de información en educación superior e a UVigo decidiu organizar a edición do 2023 para apoiar a súa estratexia de internacionalización”.
Ao tempo, Pazos e Nores salienta que “nun momento no que a Universidade de Vigo atópase en plena transformación dixital, resulta conveniente familiarizarse coas experiencias doutras universidades punteiras da nosa contorna con situacións e necesidades similares”.
Ao longo dos tres días que durará a o congreso EUNIS 2023 está prevista a participación de máis de 200 persoas chegadas de diferentes países europeos, que tomarán parte nas sesións que se celebrarán no Auditorio Mar de Vigo e nas que se abordará un amplo abano de temáticas.
Estas temáticas, por certo, estanse a pechar estes días no Campus de Vigo (nas reunións entre o comité organizador e o comité científico), xunto con outras cuestións administrativas e organizativas de relevancia como patrocinios, estratexias de comunicación ou visitas á sede do congreso; así como temas técnico-científicos, como o programa, relatores, convidados ou eventos satélite.
Formada en 1993 e rexistrada como unha organización sen fins de lucro en 1998, EUNIS reúne as persoas responsables da xestión, desenvolvemento e política de tecnoloxías da información na educación superior europea e o seu obxectivo é contribuír ao desenvolvemento de sistemas de información de alta calidade. As principais accións impulsadas polo European University Information Systems son o fomento do intercambio, a cooperación e debates entre os responsábeis dos sistemas de información da educación superior ou institutos e organizacións dentro de Europa; así como establecer relacións con organismos de supervisión a cargo dos sistemas de información en educación superior e nos institutos de investigación superior en cada país, así como a nivel europeo.

PUBLICIDADE