A UVigo acolle a nova entrega do evento estatal con máis percorrido na investigación en TIC

martes, 21 de setembro do 2021 S. P.

Vigo será esta semana a sede virtual do que constituiría, en palabras da UVigo, “o evento estatal con máis tradición na investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación”. Estamos a falar da 36 edición do Simposio Nacional da Unión Científica Internacional de Radio, a URSI. A primeira convocatoria data de 1990, nos primeiros anos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. Agora regresa a Vigo 31 anos despois e, por mor da situación sanitaria, en formato virtual, mudando o auditorio físico polo Pazo de Congresos do Campus Remoto da Universidade.
A cita arrincou na tarde deste 20 de setembro e prolongarase como dixemos ao longo de toda a semana. Contará con 200 persoas inscritas e un programa que inclúe 160 relatorios, catro conferencias convidadas e unha mesa redonda. Será “toda unha oportunidade para amosar o desenvolvemento da Universidade de Vigo no ámbito das tecnoloxías para a docencia en liña”, tal e como explicaron os catedráticos do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións e investigadores de AtlantTIC, Antonio Pino e Íñigo Cuiñas, co-presidentes do comité organizador, intres antes dunha inauguración que estivo presidida polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, que deu as grazas e os parabéns ao comité organizar polo traballo realizado, e que contou tamén coa participación de Francisco Medina, catedrático da Universidade de Sevilla, presidente de URSI España.
Todas as tardes están programadas tres ou catro sesións en paralelo de 15.00 a 16.40 horas; unha sesión plenaria ás 17.00 horas e outras catro ou tres sesións en paralelo de 18.00 a 19.40 horas. Participarán vellos coñecidos do campus, como por exemplo José Ángel Martínez-Lorenzo, enxeñeiro e doutor pola Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo e agora profesor da Northeastern University de Boston nos Estados Unidos, persoa á que se lle encargou impartir a conferencia inaugural do encontro, na que afondará en temáticas relacionadas coa detección de imaxes do subsolo a gran velocidade empregando a teoría da información en 4D e a fusión de campos de ondas termoacústicas, electromagnéticas e acústicas/sísmicas.
Tamén intervirá, este martes, Nuria Llombart, da Universidade Técnica de Delft, un dos centros de ensinanza superior máis importantes dos Países Baixos. Será a encargada de falar sobre o desenvolvemento de sensores e comunicacións de alta velocidade utilizando tecnoloxía THz.
O mércores celebrarase a mesa redonda Investigación máis aló da Universidade. O xoves participará Marta Martínez-Vázquez, cunha intervención sobre diferentes consideracións de deseño para radares automotrices MMICS. A última conferencia plenaria será o venres e correrá cargo de Rafael SF Caldeirinha, do Instituto Politécnico de Leiria, que se centrará na propagación de ondas de radio en incendios forestais.


PUBLICIDADE