A UVigo achega unha tecnoloxía que optimiza o control de obras de edificios

luns, 21 de xaneiro do 2019 Redacción

A semana pasada desenvolveuse a proba piloto xeral dun sistema tecnolóxico chamado a facer máis eficientes e sustentábeis os procesos de construción de edificios. O sistema en cuestión, unha tecnoloxía de Intelixencia Artificial que mellora a calidade e reduce custes no control de obras, foi mostrado nos seus detalles perante os socios implicados no proxecto do que abrolla (o proxecto Auto-BIM, enmarcado no programa Retos-Colaboración 2016 e financiado con preto de un millón de euros). O consorcio que impulsa esta tecnoloxía, liderado pola firma Vías y Construciones e coa participación activa do grupo de investigación en Xeotecnoloxías Aplicadas da Universidade de Vigo, rematará o seu traballo en marzo. A proba piloto, celebrada nun edificio en construción, desenvolveuse con éxito.
Para levar a cabo a experiencia elixiuse un bloque de vivendas en construción na localidade catalá de Badalona e os resultados acadados demostraron que o software deseñado “axuda moito na redución de tempos e na sistematización e mellora do control de calidade de obras de edificación, informatizando o proceso de seguimento da evolución de obra e detección de desviacións respecto ao planeado, o que se traduce na redución de custes, axilización das obras e mellora da calidade”.
O proxecto púxose en marcha co obxectivo de crear e validar unha nova metodoloxía para a adquisición, procesado e xestión de datos espaciais tridimensionais en espazos interiores sen cobertura GNSS, o sistema global de navegación por satélite. Segundo explica Lucía Díaz-Vilariño, investigadora do Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas, a adquisición de datos feita coa metodoloxía devandita encárgase de realizala un robot móbil autónomo e os resultados obtidos son integrados en modelos de información estandarizados BIM (Building Information Modelling).
Dentro do marco deste proxecto, o grupo de investigación en Xeotecnoloxías Aplicadas da Universidade de Vigo foi o encargado de deseñar a aplicación que permite a planificación óptima da toma de datos por parte da unidade robotizada nas distintas fases da obra dun edificio en construción.
Pola súa banda, o centro tecnolóxico galego Aimen encargouse de desenvolver o sistema robotizado autónomo; a empresa Aplitop, como entidade experta en tratamento de nubes de puntos, ocupouse do seu filtrado, aliñamento e referenciado; ApliCAD e o grupo de investigación Tidop da Universidade de Salamanca desenvolveron os algoritmos para a extracción semántica e comparación con modelos BIM e o grupo BAC Engineering Consultancy definiu os criterios de calidade da nube de puntos determinando criterios de aceptación e/ou rexeitamento das xeometrías obtidas co sistema robótico autónomo.

PUBLICIDADE