A USC presenta unha nova unidade para o deseño de contidos en 3D

martes, 22 de xuño do 2010 Redacción

A Universidade de Santiago serviu de escenario onte á botadura dun novo emprazamento concibido para a posta en marcha de novos mundos e realidades virtuais. A Unidade de Visualización Avanzada da USC, así se fai chamar, xorde cunha serie de obxectivos variados, todos eles baixo o denominador común de abrir camiño alén do que nos rodea: desenvolvemento de producións en 3D, modelaxe, animación de escenarios e personaxe, captura de movemento corporal, facial e lypsinc, etc. A nova unidade foi presentada este luns no edificio CACTUS, e no durante a posta longo leváronse a cabo diversas visualizacións de vídeos que, segundo comenta a USC, “puxeron de relevo a capacidade produtiva destes sistemas de captura de movemento e realidade virtual”.
A continuación do devandito, os participantes trasladáronse ao Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da USC onde asistiron a unha demostración do sistema visual inmersivo Cave Automatic Virtual Environment (CAVE) e de captura de movemento.
Segundo engade a USC, entre os proxectos dos que se falou na presentación figuran Carrilana Virtual, un xogo no que se realiza un descenso virtual pola zona histórica dunha cidade galega utilizando unha carrilana real; un sistema de navegación 3D, en colaboración co Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG); Tiraboleiro virtual, realizado para a exposición Galicia Dixital, recrea o botafumeiro da Catedral de Santiago, que os visitantes poden accionar tirando dunha corda; un simulador naval de baixo custe, no que o usuario se sitúa á fronte da ponte de mando dun buque, incluíndo situacións de navegación e manobras de risco; e un submarino virtual, na que se recrea en tres dimensións unha viaxe virtual ao fondo da ría de Vigo.

PUBLICIDADE