A USC premia a Stephen Hawking polo seu labor a prol de quitarlle ferro á ciencia

martes, 3 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

O premio Fonseca de divulgación científica que convocan a Universidade de Santiago e o Consorcio da cidade vén de estrearse recoñecendo -precisamente- o labor a prol da normalización da ciencia. Ou o que é o mesmo: o labor a prol de quitarlle ferro tanto no presencial como en todo o que atinxe á Sociedade da Información. A isto –entre outras motivacións- responde o feito de que se recoñecera finalmente ó coñecido investigador británico Stephen Hawking con esta primeira convocatoria dos galardóns, “ó ser un dos maiores divulgadores da ciencia que existen na actualidade”, sinala a USC.

Imaxe da xuntanza celebrada no Salón Reitoral de San Xerome, o xurado do Premio Fonseca deciudiu outorgarlle o galardón a Stephen Hawking.

A elección de Hawking, quen xa confirmou a súa asisencia ó acto de entrega (con data por confirmar), vén dada tamén pola necesidade (hoxe máis ca nunca) de pór de manifesto a importancia do coñecemento de valor (entre unha maré de datos insignificantes), de apreixalo e poñelo preto de todos os cidadáns, con verbas que recúen cara o cotián dende o eido máis abstracto do puramente científico.
O xurado desta primeira edición estivo formado polo reitor da USC, Senén Barro; o xerente do Consorcio de Santiago, Xosé Manuel Villanueva; o catedrático de Física Teórica da USC, Carlos Pajares; o director de programas do Consorcio de Santiago, Xosé Denis; o director do Planetario de Pamplona, Javier Armentia; o director do programa da TVG Ciencia Nosa, Xosé Rodríguez Durán; e o comisario do programa Conciencia, Jorge Mira. Todos eles destacaron unanimemente a importantísima traxectoria do profesor Hawking e a súa gran achega á divulgación científica.

Sobre Stephen Hawking

Con motivo do premio, a USC achega na Web un interesante percorrido pola traxectoria vital de Hawking: nado en 1942 en Oxford, ocupa dende os seus 37 anos a famosa cátedra Lucasiana de Matemáticas do Departamento de Matemática Aplicada e Física Teórica da Universidade de Cambridge. Esta cátedra, fundada en 1663, foi ocupada, entre outros, por Isaac Newton e o premio Nobel de Física Paul Dirac.
Aos 21 anos foille diagnosticada unha Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA). Esta enfermidade dexeneroulle de xeito progresivo as células do sistema nervioso encargadas do movemento muscular voluntario, chegando a unha situación de parálise case absoluta na que só se pode comunicar a través da súa cadeira de rodas, cun sintetizador de voz incorporado que responde aos movementos dunha das súas pálpebras.
Esta total incapacidade de movementos non impediu que o profesor Hawking desenvolvese unha actividade ao máximo nivel científico no eido da Física Teórica pola que recibiu os máis prestixiosos recoñecementos. As súas principais achegas céntranse na análise de buracos negros e na Teoría da Relatividade Xeral de Einstein, na que se enmarca o seu traballo sobre o espazo-tempo que deu sustento matemático á teoría do Big-Bang.
Stephen Hawking destaca tamén polo seu relevante labor de divulgación científica. O seu libro A Brief History of Time (Unha breve historia do tempo) foi un best-seller mundial con máis de dez millóns de exemplares vendidos. Precisamente este labor de divulgación así como a súa “importantísima imaxe pública” foron as claves que determinaron que o xurado lle concedese este galardón na súa primeira edición.

PUBLICIDADE