A USC permite a defensa virtual de teses de doutoramento

luns, 20 de abril do 2020 S. P.

Se ben as nosas universidades xa levaban anos envorcando esforzos nas tecnoloxías da información, está claro que a situación de urxencia derivada da pandemia de COVID-19 acelerou o proceso até máis alá do imaxinábel, o que se traduce en parte na adaptación ás redes de todo tipo de procesos e actividades. Este luns 20 de abril a Universidade de Santiago presentou un servizo que permite a defensa en liña de teses de doutoramento. A iniciativa, a pouco de ser tido posta en marcha, recibiu unha decena de solicitudes. O obxectivo foi achegar unha alternativa para “sortear as limitacións de mobilidade que depara a actual situación de confinamento”.
Os investigadores dos programas de doutoramento en Neurociencia e Psicoloxía Clínica e en Ciencia e Tecnoloxía Química, Samuel Suárez Suárez e de Jacobo Gómez González, respectivamente, foron os primeiros doutorandos da USC que estrearon o novo procedemento de defensa telemática das súas teses doutorais.
A vicerreitora de Titulacións, María José López Couso, salientou o traballo desenvolvido pola Escola de Doutoramento Internacional da USC (EDIUS) e pola área TIC da USC para solucionar as cuestións técnicas que dificultaban compaxinar a celebración dun acto académico aberto ao público co segredo da votación dos membros do tribunal responsable da concesión do cum laude. Ao final optouse por habilitar dúas salas en liña, unha aberta ás persoas que o solicitaran con antelación, e outra reservada para os membros do tribunal, explicou López Couso, quen tamén quixo resaltar o feito de que estes dous actos de defensa de teses de doutoramento foron seguidos en liña por máis de 80 persoas.
Pola súa banda, o director da Escola de Doutoramento Internacional da USC (EDIUS), Pablo Taboada Antelo, engadiu que a vía telemática está a ter moi boa acollida por parte de todas as persoas implicadas: “Até o de agora, ademais das teses xa presentadas, atópanse en espera outras que xa estaban aprobadas para a súa defensa e cuxa presentación desenvolverase en liña estes días”. Ademais destas solicitudes, engadiu, “contabilizamos xa o depósito doutras catro teses de doutoramento, das que unha se desenvolveu no Campus de Lugo”.

PUBLICIDADE