A USC organiza en marzo un hackathon solidario aberto a todos os estudantes dos campus

venres, 25 de febreiro do 2022 S. P.

A Universidade de Santiago vai desenvolver en marzo (días 4 e 5) a primeira edición do Hackathon Social. Farao baixo un epígrafe que fala ás claras dos obxectivos do evento, que pasan por atopar respostas nas novas ferramentas aos principais retos da actualidade: A chave para a innovación social.
Coordinado polo Laboratorio de Innovación e Economía Social de Galicia (LIES_GA), a súa finalidade concreta será “achegar solucións a retos diferentes relacionados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) nun período de tempo limitado, traballando en equipos multidisciplinares e cunha metodoloxía intensiva e presencial”.
Trátase dunha iniciativa dirixida a calquera estudante da USC, sen que sexa preciso ter coñecemento específicos nin formar parte dun grupo previamente. Os equipos conformaranse o primeiro día do encontro, establecéndose un premio para os dous mellores proxectos. Os retos serán seleccionados polo alumnado nas sesións de presentación que se realizarán en diferentes centros. As solucións estarán encadradas no ámbito do emprendemento social, a sustentabilidade na Universidade e o potencial da tecnoloxía para resolver retos sociais. De entre todas as solucións presentadas, escollerase unha gañadora para cada un dos dous retos finais.
Para asistir é preciso cubrir a inscrición antes das 23.59 horas do 25 de febreiro. O evento celebrarase o día 4 de marzo de 16.00 a 21.00 horas e o 5 de 9.00 a 13.00 horas no Edificio Emprendia en Campus Vida. A actividade está limitada a un máximo de 24 prazas.
Co gallo de ilustrar o formato do evento, a USC lembra que o termo “hackathon” resulta da unión dos conceptos “maratón” e “hacker” e refírese a unha experiencia de innovación aberta que busca alcanzar unha meta común de forma colaborativa nun período breve de tempo.

PUBLICIDADE