A USC ofrece un servizo de apoio online para facer presentacións eficientes e de calidade

martes, 3 de maio do 2011 Raquel Noya

Hoxe en día son poucos os relatores e conferenciantes que non botan man de apoio audiovisual nas súas intevencións públicas para ilustrar o tema a tratar, porén aínda queda quen non sabe que existen ferramentas TIC o suficientemente boas e doadas de usar que convirten os relatorios mediocres en brillantes actuacións.
Isto tamén hai que trasladalo ás aulas, mesmo da contorna universitaria, onde por desgraza son moitos os mestres e mestras que aínda botan man das tradicionais diapositivas proxectadas na parede para apoiar so seus infumables discursos, que non fan outra cousa que castigar ao seu auditorio (alumnos e alumnas que xa de por sí tiñan poucas ganas de estar alí).
A fin de cambiar isto e axudarlle ao conxunto da comunidade universitaria a facer presentacións boas coas que impresionar ao seu auditorio ou a lo menos evitar que abandoe a sala na primeira media hora de intervención, o Servizo de Normalización Lingüística da USC ofrece na súa web unha serie de recursos cos que crear presentacións “modernas, comunicativas e de calidade”.
Ademais de asesoramento sobre o deseño, a redacción ou o coidado dos detalles da escea, a páxina ofrece un patrón creado pola USC con PowerPoint para traballar sobre el e usalo de base para presentacións propias.
Asemade, como non podía ser doutra maneira, o SNL ofrece un servizo de asesoramento lingüístico de galego, a fin de crear diapositivas correctas e comunicativas na nosa língua.
A estas pílulas ofrecidas dende a web hai que engadir que o SNL, no marco do Programa de Formación e Innovación Docente, vai organizar uns Obradoiros de presentacións dixitais eficientes, de 30 horas de duración, para axudarlle á este colectivo da USC a facer mellores presentacións para as súas clases.

PUBLICIDADE