A USC levou ao Mobile World Congress 2016 dúas spin-off

luns, 29 de febreiro do 2016 Redacción


Barcelona acollía a pasada semana, do 22 ao 25 de febreiro, unha nova edición do Mobile World Congress 2016, un dos encontros máis senlleiros da tecnoloxía a nivel internacional no que tamén houbo presenza galega. Máis polo miúdo, investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) representando a Rede de Centros Singulares de Investigación levaron á cita catalá as súas respectivas empresas: Situm Technologies e MD.Use Innovative Solutions. Estas dúas start-up, vían a luz ao abeiro do CiTIUS (Situm) e o CiQUS (MD.Use), sendo creadas por investigadores egresados destes centros, converténdose pouco despois en spin-off oficiais da USC.
Indo por partes, Situm Technologies acudía ao Mobile World Congress (MWC) de Barcelona coa nova versión da súa plataforma de localización en interiores, explicando os seus representantes as melloras da versión definitiva tanto en rendemento como en precisión, funcionalidade e experiencia de usuario. Logo de máis de oito anos de investigación avanzada, Situm achega aos seus clientes unha solución que non só proporciona a máxima precisión coa mínima infraestrutura, senón tamén unha ferramenta de mapeo de interiores máis rápida, con detección automática de planta en edificios de varios andares e control de calibración de calidade. O seu sistema consegue reducir a marxe de erro e o custo con respecto a outras tecnoloxías de posicionamento en interiores.
En canto a MD.Use Innovative Solutions, cómpre sinalar que era fundada en 2015 por un equipo liderado pola investigadora do CiQUS Rebeca García Fandiño e o físico da USC Ángel Piñeiro, xurdindo coa vontade de achegar ferramentas computacionais a usuarios non especializados, tentando minguar a separación entre o mundo experimental e o da computación. A empresa comercializa estudos computacionais de sistemas moleculares específicos e personalizábeis para optimizar os procesos industriais, co obxectivo de facilitar o deseño de novos materiais ou dispositivos baseados en técnicas a nivel molecular.

PUBLICIDADE