A USC leva os seus libros a todos os recantos do mundo a través de Unebook.es

venres, 26 de setembro do 2014 Redacción

A Universidade de Santiago quere levar os seus libros a todos os recantos do mundo, con independencia da distancia, e busca facelo botando man das novas tecnoloxías. Esta semana, sen ir máis lonxe, anunciou que as publicacións que nazan do seu seo poderán adquirise a través da plataforma Unebook.es esteamos onde esteamos. Esta posibilidade, que se insire nunha iniciativa máis ampla da Unión de Editoriais Universitarias Españolas e de 66 editoriais científicas, estréase coa incorporando de preto de cen títulos editados pola institución educativa compostelá (a través do Servizo de Publicacións da USC), cifra que se vai ir incrementando con cada lanzamento.
O abano temático é amplo: Libros científicos, de divulgación, traducións, ensaios, edicións críticas, obras de referencia, revistas científicas, actas de congresos ou teses de doutoramentos son algunhas das propostas editoriais que xa se poden consultar. Segundo informa o Servizo de Publicacións da USC, son moitas as vantaxes e beneficios que achega Unebook.es, pero probablemente as máis importantes son as seguintes: especialización (venta en liña exclusiva do libro universitario), independencia (plataforma que opera de xeito autónomo) e versatilidade (cunha oferta de venda mixta, ao combinar formato dixital e en papel) convértena na única plataforma das súas características dentro e fóra de España. Por certo que Unebook.es presentarase o vindeiro 2 de outubro no transcurso da feira Liber en Barcelona.

PUBLICIDADE