A USC lanza unha app para facer comunidade e mellorar o diálogo

xoves, 19 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

Logo dos recentes traballos de remodelación da web institucional, www.usc.gal, dos que falamos polo miúdo os días pasados, a Universidade de Santiago vén cumprir coa previsión lanzada na estrea da páxina web e pon ao alcance da comunidade dos campus a súa aplicación para dispositivos móbiles. Trátase, nas súas palabras, “dunha ferramenta que abre novos espazos de diálogo coa comunidade universitaria e a contorna social”. De feito, comparte coa web a mesma filosofía: é un recurso dinámico que se fixo (e se seguirá a facer) atendendo as necesidades e as propostas de toda a comunidade universitaria.
A app, que xa pode descargase de balde, permitirá recibir e intercambiar información actualizada ou realizar trámites coa Universidade de xeito máis doado. A aplicación nace coa vontade de “conformar unha canle áxil, eficiente e inmediata de conexión da USC cos seus públicos”, explicou a institución académica, concretando logo os seus elementos destacados. Por exemplo unha versión virtual da Tarxeta Universitaria Intelixente (TUI), extrapolando as súas funcionalidades ao ámbito dos dispositivos móbiles para facilitar cousas como o empréstamo de libros (que á hora de pedir un libro no mostrador da biblioteca abonde con amosar a TUI que aparece dentro da app sen necesidade de levar a TUI física); un muro de noticias que manterá ao usuario informado de toda a actualidade da USC; un calendario institucional e académico, cualificacións ou mensaxería instantánea. Este sistema informa tamén da localización dos principais servizos aos que o alumnado pode ter que dirixirse nalgún momento.
Segundo engade a USC ao fío do mundo de posibilidades concretas que se abre coa ferramenta, “a paulatina incorporación da aplicación á vida cotiá das persoas que integran a comunidade universitaria permitirá tamén que aos alumnos e alumnas que se matriculen por primeira vez o vindeiro curso, non se lles entregue a TUI xa que esta xa está contida dentro da app”. Amais, explica a institución, tampouco se lles renovará a TUI física a aquelas persoas que a perdan.
Esta nova aplicación nace como froito do convenio que a Universidade acaba de renovar co Banco Santander, e dende a USC segue a traballarse no desenvolvemento de novas funcionalidades futuras. A app da Universidade pode descargarse en calquera dispositivo iOS ou Android buscándoa directamente na tenda de aplicacións.

PUBLICIDADE