A USC estrea unha plataforma de préstamo de libros electrónicos

martes, 7 de abril do 2015 Redacción

Os libros electrónicos en PreLo están dispoñibles en varios formatos e distintas opcións de lectura replicando a experiencia do préstamo do libros en papelNos últimos meses falamos en numerosas ocasións da aplicación da plataforma de xestión e préstamo de libros electrónicos en bibliotecas XeBook de Xercode, que está a implantarse nas universidades de Burgos, Cádiz, Salamanca, León e Murcia, e que agora tamén estará presente na Universidade de Santiago de Compostela, entidade que participará no proxecto a través da Biblioteca Universitaria e o Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, que iniciarán a plataforma PreLo (Préstamo de Libros Online), nome que adoptará o servizo na USC, e que prevé chegar proximamente tamén ás universidades de As Palmas e a UNED.
Esta plataforma de préstamo botará a andar cun catálogo de 1.094 exemplares que iranse ampliando coas sucesivas compras que se realicen. Deste xeito, os usuarios do servizo poderán gozar a través da web dun sistema de préstamo de libros electrónicos, análogo ao sistema de préstamo de libros tradicionais, no que os usuarios poderán consultar o catálogo dispoñible, recibir libros en préstamo e incluso colocarse en listaxe de espera para acceder aos exemplares dixitais que se atopen emprestados (pois cómpre destacar que aos libros electrónicos incorpóranselle medidas de protección de dereitos de autor para que a o sistema de préstamo non sexa unha competencia desleal coas librarías).

PUBLICIDADE