A USC empresta 300 computadores portátiles e 150 routers para garantir a teledocencia

mércores, 13 de maio do 2020 S. P.

Mozas traballando con material informático nunha imaxe de Santi Alvite

A Universidade de Santiago (USC) vén de resolver unha medida de choque contra a fenda dixital: a que separa o alumnado que ten plena operatividade online do que non conta cos recursos nin coa conectividade precisa. En concreto, a institución deu luz verde a un programa centrado no préstamo de material informático que tentará garantir a docencia virtual para todos os estudantes. En total, a institución achega 300 ordenadores portátiles, 150 dispositivos router con conexión a internet móbil 4G dotados de tarxeta SIM, 90 cámaras web e 500 plans de datos.
O material informático prestarase ata o 27 de xullo de 2020. O alumnado beneficiario poderá solicitar a prórroga deste préstamo. A presentación de solicitudes farase empregando o formulario normalizado e dirixíndoo á Xerencia da USC. As consultas sobre a convocatoria ou a presentación de solicitudes dirixiranse á Oficina Virtual de Atención a través de estudantado.oficinavirtual@usc.gal
As persoas beneficiarias deste servizo de préstamos deberán estar matriculadas nunha titulación oficial de grao ou mestrado durante o actual curso académico, non dispoñer de equipamento informático ou de conexión a servizos de Internet, e acreditar dificultades económicas. O prazo de presentación de solicitudes contará desde o día seguinte da publicación no Taboleiro Electrónico e será de 5 días hábiles.
Segundo informa a USC a respecto da iniciativa e dos porqués da súa posta en marcha, “o impacto económico da crise derivou en que unha parte do alumnado non dispoña de recursos económicos para facer fronte ao pago da conexión a servizos de Internet e, por outra, a situación de confinamento da poboación supuxo a necesidade de contratar servizos que non precisarían en circunstancias ordinarias”. En consecuencia, a USC procurou adiantarse ao desafío con medidas “para garantir o acceso igualitario de todo o seu alumnado á docencia virtual”. De aí xurdiu tamén unha liña de axudas para sufragar os gastos derivados da conexión á Rede que xa vai pola segunda convocatoria e da que se beneficiaron, polo momento, preto de 800 persoas.

PUBLICIDADE