A USC e a Confederación de Empresarios de Galicia impulsarán unha intranet de asesoramento fiscal en liña

mércores, 1 de agosto do 2012 Fernando Sarasketa

Juan Casares e Antonio Fontenla, intres despois da sinatura protocolaria do acordo marco entre a USC e a CEG. Foto: Alfonso (Servimav-USC)

A Universidade de Santiago e a Confederación de Empresarios de Galicia van impulsar de xeito conxunto unha escola de debate dirixida a mover a reflexión sobre cuestións laborais e fiscais. De xeito complementario porase en marcha o proxecto Intrauni, unha intranet de axuda on line para a resolución de consultas específicas cos especialistas da Universidade nos devanditos eidos temáticos. Estas iniciativas insírense no convenio de colaboración que asinaron ámbalas entidades onte no Colexio de San Xerome. Este convenio de traballo conxunto foi cualificado como unha “obriga que ofrece unha perspectiva rica e plural”, afirmou o presidente da CEG, Antonio Fontela, que dixo que este achegamento “fai máis forte á Confederación”.
Pola súa parte, o reitor Juan Casares sinalou que estamos ante unha oportunidade para atender do xeito máis próximo posíbel un amplísimo abano de cuestións, que se poderán solucionar da maneira máis inmediata a través do dito proxecto tecnolóxico Intrauni, cuestións que serán do máis variado: aspectos laborais e fiscais de natureza xeral, o traballo autónomo e dependente, a defensa da competencia, a resolución extraxudicial dos conflitos laborais ou a simplificación da prevención de riscos laborais, entre outras.

PUBLICIDADE