A USC distingue a unha piruleta médica intelixente e unha empresa de eSaúde do CSIC

martes, 11 de outubro do 2022 S. P.

Finalmente xa sabemos cales foron as vencedoras do certame Innovatia 8.3, que conceden a USC e o Instituto das Mulleres co obxectivo de recoñecer, enxalzar e visualizar os mellores proxectos empresariais liderados por mulleres e creados ao abeiro das universidades ou organismos públicos de investigación. Os proxectos distinguidos foron a startup The Smart Lollipop e a empresa de base tecnolóxica Nanological. A entrega destes galardóns celebrouse no Colexio de Fonseca.
The Smart Lollipop, da Universidade de Girona, desenvolveu un dispositivo médico de diagnóstico, non intrusivo, baseado nunha piruleta intelixente capaz de detectar enfermidades cunha soa mostra de saliva, combinado cun software de procesamento de información. Pola súa parte, Nanological é unha spin-off do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), centrada no diagnóstico de doenzas infecciosas a través da detección e identificación en tempo real de patóxenos.
O reitor Antonio López presidiu o acto que contou tamén coa intervención de María Antonia Morillas González, directora do Instituto das Mulleres, e Isabel Jiménez Lucena, coordinadora de Políticas de Xénero do grupo de Sustentabilidade da CRUE, e vicerreitora de Igualdade, Diversidade e Acción Social da Universidade de Málaga. O reitor definiu Innovatia 8.3 como “un acerto pleno”, e cualificouno de “programa asentado”. Antonio López puxo o foco na “aposta pola innovación con perspectiva de xénero” que supón esta iniciativa que desenvolven de xeito conxunto USC e Instituto das Mulleres e que chaga xa á súa cuarta edición.
Unha trintena de proxectos concorreron este ano nas dúas categorías existentes. Así, o premio ao mellor proxecto empresarial de base tecnolóxica, dotado con 10.000 euros, recibiu 16 candidaturas, mentres que 17 foron as propostas que se disputaron o galardón na modalidade do proxecto empresarial startup, dotado con 7.000 euros. A meta de Innovatia é a “integración do xénero nos procesos de transferencia á sociedade”, sinalou Eva López Barrio, directora de Woman Emprende.
Na categoría de mellor startup foron finalistas as empresas ProPlantae, spin-off da UVigo, e Theker Robotics da Universitat Oberta de Catalunya. Ademais, BFlow, spin-off da USC, e Vitala Technologies do Instituto de Bioingeniería de Cataluña foron as empresas finalistas na modalidade de mellor proxecto empresarial de base tecnolóxica.
Debate
O evento contou con dúas mesas redondas nas que participaron destacadas referentes do ámbito científico e do emprendemento. A primeira delas, moderada por Luis Otero González, delegado del reitor para a Transferencia do Coñecemento, versou sobre Emprendemento Universitario de Base Científica e reuniu a Carmen Pampín Casal, directora executiva de Galchimia; Catalina Fernández de Ana Portela, co-fundadora e directora de Hifas da Terra; Maruxa Quiroga García, directora executiva e co-fundadora de Tastelab; Desireé Teijeiro Osorio, directora de operacións e co-fundadora de Libera Bio e Marta Lores Aguín, socia e directora científica de i-Grape.
Ao seu remate deu paso á mesa Emprendemento universitario e economía feminista, moderada pola delegada do reitor para a Igualdade, Marta Pérez Pereiro, e coas intervencións de María del Pilar Rodríguez Suárez, investigadora e xerente de Dehistoria; Miriam Fernández Barreiros, presidenta de Latento Altas Capacidades; Yolanda Pena Boquete, xefa de departamento e da división de investigación de AYeconomics; e Fátima Rodríguez Figueiras, administradora solidaria de Promove Consultoría e Formación.

PUBLICIDADE