A USC dará acubillo no Colexio de Fonseca a dúas cápsulas dixitais do tempo

martes, 16 de abril do 2013 Fernando Sarasketa

A Universidade de Santiago, máis polo miúdo o Colexio de Fonseca, vai dar acubillo a unha desas iniciativas que se fan, máis que en ningunha outra situación, pensando no día de mañá. E tanto que é así, e máis se atendemos aos obxectivos do proxecto que estamos a falar, o proxecto Once Uns, promovido pola iniciativa Sentinel Wardrobe e coa colaboración da Universidade de Santiago. E cales son os obxectivos dun proxecto do que xa podemos albiscar detalles no Facebook de seu? Pois basicamente os de crear un acubillo de información dixital que perdure no tempo e que diga como eramos ás persoas que accedan a el a mediados de século.
Con este fin, soterraranse nos xardíns do claustro do dito Colexio dúas cápsulas dixitais do tempo, unha delas infantil (a descubrir en 2016) e outra delas de información máis xenérica, que desvelará os seus segredos en 2047.
O proxecto, por certo, presentarase este martes 16 ás 11.30 horas na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca. Participarán Pablo Sampedro e Mercedes Rosón, da Área de Cultura da USC, e Jorge del Oro, Fátima García Doval e Iñaki Quenerapú por parte de Sentinel Wardrobe. O soterramento propiamente dito levarase a cabo o vindeiro sábado 27 de abril, ás 12 horas. A cerimonia gravarase en vídeo, co fin de solucionar posíbeis limitacións de aforo, e amosarlle ao mundo, na Internet, o acontecemento. Na iniciativa, ademais da Universidade de Santiago (achegando un emprazamento axeitado para o soterramento e para arranxar detalles técnicos da operación), está a colaborar Correos, que se comprometeu a recibir e custodiar os sobres enviados polos participantes no proxecto dando acubillo ás memorias USB e aos cartóns SD coa información a preservar.

PUBLICIDADE