A USC convoca á comunidade tecnolóxica a debater en Madrid sobre a información intelixente

martes, 28 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

Captura da web do grupo Gis-T IDEGA, responsábel da actividade

A Universidade de Santiago anuncia na súa web a organización dun encontro científico para o mes de xuño en Madrid. Dase a casualidade de que o evento en cuestión vén da man dunha das accións formativas da USC que máis nos tocan de preto, por temática e por formato: o Master en Sociedade da Información. A cita será na Politécnica de Madrid, onde se prevé reunir a un bo número de representantes da comunidade científica e industrial galega, española e internacional, todos eles convocados arredor dunha arela común: debater sobre a información intelixente e os sistemas de comunicación.
O workshop Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano-Rexional organízano o Máster en Sociedade da Información da USC (tralo que se atopa o grupo Gis-T IDEGA) e o proxecto SINDUR coa colaboración da Unión Xeográfica Internacional e do Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia.
Trátase de reunir, sinala a USC, a especialistas de diversas disciplinas para que dialoguen de maneira interdisciplinar sobre o estado da arte, os modelos e arquitecturas así como os paradigmas e as fronteiras que motivan o pulo da Sociedade da Información nos espazos urbanos e rurais. “En concreto”, di a Universidade, “afondarase en áreas a comunicación, a intelixencia artificial, a ciencia web, o desenvolvemento rexional, as teorías das ciencias económicas e sociais, a representación do coñecemento e a enxeñaría, a infraestrutura da información e os sistemas intelixentes distribuídos no web e na sociedade”.

PUBLICIDADE