A USC amplía o prazo para presentar candidaturas aos seus premios á innovación empresarial

luns, 29 de abril do 2013 Redacción

A Universidade de Santiago vén de ampliar o prazo para presentarmos achegas á súa edición número 13 do Concurso de Proxectos Empresariais Innovadoras, un certame que, como lembraremos, convócase co obxectivo de impulsar a creación de iniciativas de natureza novidosa promovidas por estudantes, licenciadas/os ou investigadoras/es, así como a innovación empresarial e a xeración de emprego en termos xerais. Por certo que o devandito prazo amplíase até o vindeiro 15 de maio. O certame inclúe tres premios: a mellor empresa de base tecnolóxica, que supón 2.000 euros e ata 24.000 euros de financiamento mediante préstamo participativo ofrecido por Unirisco; a mellor empresa nova (2.000 euros) e a mellor muller emprendedora (2.000 euros).
Os aspirantes contarán co asesoramento de Uniemprende. Máis polo miúdo do equipo de técnicos e técnicas deste programa da Universidade de Santiago de Compostela, que estarán a disposición das persoas promotoras para axudalas na elaboración dos proxectos, ademais de ofrecerlles formación de balde co fin de realizar o plan de empresa. As persoas interesadas deberán dirixirse ás oficinas de Uniemprende situadas no Edificio Emprendia do Campus Vida en Santiago. Os proxectos gañadores terán acceso gratuíto a tres accións formativas (tres prazas por cada proxecto gañador) organizadas polo Programa Uniemprende no prazo dun ano, unha vez que teñan constituída a súa empresa.

PUBLICIDADE