A USC acolle unha reunión de socios do proxecto europeo para producir silicio sustentábel

luns, 20 de xuño do 2022 S. P.

A Facultade de Matemáticas da USC acollerá este martes 21 de xuño unha xuntanza de socios do proxecto europeo SisAI Pilot, que se dirixe a producir silicio (un dos compoñentes básicos dos dispositivos electrónicos) de maneira sustentábel e cun mínimo de impacto ambiental. O acto, que será presentado por Elena Vázquez Cendón, decana da facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago, contará coa presenza de Gabriella Tranell, coordinadora do proxecto e profesora da Universidade Norueguesa de Ciencia e Tecnoloxía, e Rosa María Crujeiras, directora científica en funcións do CITMAGA. O acto comeza ás 9.30 horas. Participan investigadores galegos, europeos e americanos. O encontro está promovido polo Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia.
Coordinado desde a Universidade Norueguesa de Ciencia e Tecnoloxía (NTNU), SisAI Pilot está promovido por un consorcio internacional de 22 socios, do que forman parte centros de investigación europeos como o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAG) e empresas nacionais e internacionais para a aplicación dos resultados, entre elas a galega Fundiciones Rey.
A apertura do encontro será ás 9:30 horas. Participarán a decana da facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago, Elena Vázquez Cendón; a coordinadora do proxecto e profesora da Universidade Norueguesa de Ciencia e Tecnoloxía Gabriella Tranell; xunto á directora científica en funcións do CITMAga, Rosa María Crujeiras.
Durante a xornada os asistentes (procedentes de Noruega, Alemaña, Francia, Islandia, Italia, Grecia, EEUU, Sudáfrica e España) porán en común os principais avances logrados no último ano do proxecto.
Iniciado hai dous anos e cunha duración de catro, está financiado polo programa de investigación e innovación Horizon 2020 da Unión Europea, cun orzamento global que supera os 14 millóns de euros.
Na xornada do mércores os participantes realizarán unha visita a Fundiciones Rey en Vilagarcía de Arousa e a Rey Bronze Castings en Cuntis. Terán así a oportunidade de coñecer en fábrica o funcionamento deste proxecto piloto.
Creado a finais de 2021, impulsado polo tres universidades galegas, CITMAGA aspira a converterse nun centro de investigación de referencia no que se integran as capacidades científicas das Matemáticas, pero ademais cunha clara aposta pola transferencia de coñecemento, fundamentalmente á industria autonómica e nacional.
O CITMAGA, a respecto das orixes e dos porqués deste proxecto, sinala que este responde ao reto de introducir meirande sustentabilidade na produción tecnolóxica: “Os nosos hábitos de consumo fan que a sociedade moderna teña unha necesidade inxente de silicio. O seu uso esténdese desde a fabricación de compoñentes electrónicos (microchips de teléfonos, coches, computadores), aliaxes (especialmente de aluminio, que se usa cada vez máis en coches, avións e todo tipo de aliaxes lixeiras) e estes últimos anos na industria relacionada coa enerxía fotovoltaica, onde a placa de silicio é o elemento que permite producir enerxía a partir da luz do sol”. Ademais, na actualidade, o silicio considérase un material crítico para Europa debido aos riscos no seu aprovisionamento e a súa importancia económica”.

PUBLICIDADE