A USC acolle esta semana unha análise colectiva dos procesos de acreditación informática

mércores, 15 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

Exterior da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago

A Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago dá acubillo a partir deste xoves ás xornadas CRAI (Centro de Recursos para a Aprendizaxe e a Investigación), destinadas a avaliar polo miúdo os procesos polos que se avalían e certifican os coñecementos e habilidades vinculadas ao eido informático. O encontro, que se celebra o xoves e o venres, vén da man (por cuarto ano) da CRUE (Conferencia de Reitores das Universidades Españolas). A apertura do evento celebrarase o día 16 a partir das 9.30 horas, nun acto oficial que contará coa presenza do reitor de Juan Casares, reitor da Universidade de Santiago.
Ao longo desta primeira xornada, intervirán diversos representantes do eido investigador e docente ligado en maior ou menor medida ao eido das novas tecnoloxías do coñecemento, como por exemplo Faraón Lloréns (vicerreitor da Universidade de Alacant), Mercé Cabo (vicexerenta da Área de Recursos de Información da Pompeu i Fabra) ou Laureano González (coordinador de avaliacións de ensinanzas da ANECA).
A partir das 11:30 horas, informa a USC na súa páxina web, Antonio José Redondo de CertiUni, referirase a esta ferramenta da CRUE para a análise de competencias transversais no Espazo Europeo de Educación Superior.
A continuación abrirase unha quenda na que se abordará en detalle a acreditación de competencias informáticas, da man de dous relatorios que impartiran Joan Navarro, da Asociación de Técnicos de Informática, Pere Lluís Barbará, responsable de ECDL en España, e Ricard Faura, xefe do Servizo de Sociedade do Coñecemento da Generalitat de Cataluña.
Pola tarde, a partir das 15:30 horas, os profesores Eduardo García Jiménez e Miguel Ángel Marzal presentarán “as súas respectivas reflexión arredor da avaliación e a acreditación das competencias informacionais e informáticas”, informa a USC. Para quen queira ampliar a súa información sobre estas xornadas, dicirlle que contan cun espazo propio en Facebook, onde se actualizan cada pouco os datos relativos ao seu contido e ao desenvolvemento deste encontro.

PUBLICIDADE