A USC achega os mapas históricos da súa Biblioteca en formato dixital e acceso libre

xoves, 5 de xaneiro do 2017 Redacción

O Map 212, o manuscrito orixinal en cor do proxecto do parque da Alameda de Santiago

A Biblioteca da Universidade de Santiago vén de anunciar a apertura para os internautas da súa senlleira colección de mapas históricos. A disposición destes mapas en acceso libre e formato dixital forma parte dun proxecto máis amplo para preservar, difundir e poñer en valor este patrimonio. A respecto disto, a USC lembra que algúns dos elementos dixitalizados son pezas de singular valor. En total, trátase de 600 documentos. Podemos velos dende xa a través do repositorio institucional Minerva.
Neste acubillo en liña, Minerva, poden ser consultados, visualizados e descargados de xeito libre e gratuíto. Os traballos de recuperación e dixitalización seguen arestora en activo. O labor deu comezou cos documentos anteriores a 1900 e con ligazóns coa nosa terra. Segundo fai saber a USC, o proxecto da Biblioteca para adaptar aos novos formatos as súas coleccións do fondo antigo contribuirá “á súa preservación en paralelo coa súa difusión a través da Rede, posibilitando así o seu uso remoto e continuado por parte de persoal investigador e estudosos/as”.
Pezas de gran valor
Os documentos tratados áchanse na actualidade, fisicamente, na Biblioteca Xeral da USC. Entre eles, en palabras dos responsábeis dos traballos, atópanse “realmente curiosos e valiosos”. É o caso do Map 212, mapa manuscrito orixinal en cor do proxecto de creación do que hoxe é o parque da Alameda de Santiago, de Blas Galiano e datado en 1831, considerado o plan de reforma desta zona da cidade e de facto da creación do parque. Outro “exemplo único” é o rexistrado como L 5064 e que a partir da Carta geométrica de Domingo Fontán, impresa en 1845, inclúe unha actualización manuscrita coas estradas e liñas de ferrocarril dispoñíbeis en 1917.

PUBLICIDADE