A USC achega coñecemento dixital á Universidade de Córdoba (Arxentina)

mércores, 6 de outubro do 2010 Fernando Sarasketa

A Universidade de Santiago está a compartir a súa experiencia en materia de afianzamento da Sociedade da Información con outras institucións educativas do panorama internacional. Un exemplo disto é o labor despregado pola profesora Adriana Gewerc, do Grupo de Investigación Stellae da USC, que coordina un proxecto para incentivar na Universidade Nacional de Córdoba, en Arxentina, a aplicación das novas tecnoloxías no seu marco de ensino. A iniciativa, que chega agora ao seu terceiro ano de actividade, achegou un financiamento de 240 mil euros, dos que máis da metade se dirixiron a melloras tecnoloxías, como por exemplo o fornecemento de libros e axendas e lectores electrónicos para as bibliotecas, a mellora do acceso ás redes ou a posta en marcha de aulas laboratorio.
Segundo informa a USC, a iniciativa conta co apoio orzamentario da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e abrangue catro liñas de actividade principais: formación (docente e de posgrao), produción de materiais educativos, investigación sobre as vantaxes das TIC no ensino e mellora tecnolóxica a nivel de equipamentos e infraestrutura. Para máis información sobre o proxecto, cómpre botarlle unha ollada a este vídeo publicado recentemente en Vimeo.

PUBLICIDADE