A UNED da Coruña quere capacitarnos en recursos libres aplicados á docencia

martes, 20 de marzo do 2018 Redacción

A UNED vai ofrecer un curso sobre recursos libres en Internet, tecnoloxías moi centradas en amplificar o alcance e as posibilidades da docencia. O obradoiro adestrará aos presentes no significado dos recursos libres, en como atopalos e cales empregar no contexto educativo, así como os seus aspectos legais.
Estas son as liñas xerais do curso que ofrece o centro UNED da Coruña, nas modalidades presencial e online, e que se desenvolverá entre os días 4 e 9 do vindeiro mes de abril. Segundo informa a UNED esta actividade formativa é acaida para alumnado de calquera disciplina, pero sobre todo para persoas con traballos de fin de grao ou fin de máster, pola utilidade que ten, neste proceso, coñecer os recursos dispoñíbeis.
A universidade a distancia tamén llelo recomenda ás persoas vencelladas ao mundo da docencia e a pedagoxía, pola aplicación que os recursos libres teñen nas aulas e en proxectos de investigación, e, por suposto, ao público en xeral con interese neste eido. O curso, dirixido e impartido polo profesor da UNED José M. Varela Serna, ten o prazo de matrícula aberto. A información completa está na web da institución académica.

PUBLICIDADE