A UMI de Gradiant e Telefónica a prol da ciberseguridade terá unha segunda fase

mércores, 28 de outubro do 2020 S. P.

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou este mércores 28 en Vigo na presentación do balance da primeira fase da Unidade Mixta de Investigación (UMI) IRMAS, que terá continuidade durante os vindeiros tres anos cunha segunda etapa de consolidación, o que suporá un total de catro millóns de euros de mobilización, dos que a Xunta achega 1,22.
Lembrar que IRMAS (acrónimo de Information Rights Management Advanced Systems) é un alianza impulsada polo Centro Tecnolóxico Gradiant e a operadora Telefónica, encadrada no ámbito da ciberseguridade avanzada e co obxectivo de dar forma a solucións innovadoras para a protección de datos, tecnoloxías, servidores, comunicacións e demais.
Ao abeiro deste proxecto impulsouse precisamente Tegra, o Centro de Ciberseguridade de Galicia, que Conde cualificou este mércores “dun bo exemplo das oportunidades que se abren coa transferencia de coñecemento ao mercado”.
No transcurso do acto, o conselleiro convidou ás dúas entidades a “manter o espírito de colaboración co Goberno galego”, seguindo a liña de propostas coas que “poidamos optar aos fondos europeos de reconstrución”.
As unidades IRMAS e IRMAS 2 están centradas en desenvolver solucións para que as empresas poidan mellorar os seus procesos de manexo de datos con todas as garantías de seguridade. No marco deste proxecto creouse como dixemos o primeiro Centro de Ciberseguridade de Galicia, o Tegra. Polo momento, o traballo nesta unidade permitiu, ademais, manter ou crear 25 empregos.

PUBLICIDADE