A UME e Red.es colaboran na creación dunha Rede Nacional de Emerxencias

xoves, 23 de abril do 2009 Raquel Noya

O xefe da Unidade Militar de Emerxencias (UME), o tenente xeneral José Emilio Roldán Pascual, mailo director xeral da entidade pública empresarial Red.es, Sebastián Muriel, veñen de asinar un Convenio de Aplicación do Acordo Marco existente entre as institucións que ambos os dous representan, que vai servir como ferramenta para o establecemento e implantación dunha Rede Nacional de Emerxencias (RENEM).
O Acordo Marco interministerial (Defensa; Industria Turismo e Comercio; Educación e Ciencia) que foi asinado en 2007, permitíalle á UME crear esta rede de emerxencias para integrar a información procedente das redes e sistemas de emerxencias públicos e privados.
Agora, a firma deste Convenio de Aplicación serve para clarificar as bases nas que se producirá a interconexión entre RedIRIS e as redes de comunicación do Ministerio de Defensa que emprega a Unidade Militar de Emerxencias, así como para fixar os mecanismos de validación das conexión que establece a UME cos centros nacionais e autonómicos con responsabilidades na xestión de emerxencias dentro do territorio nacional, cos que este organismo está chegando a acordos.
Asemade, o devandito convenio vaille permitir á Unidade de Emerxencia cumplimentar con maior eficacia as misións que ten asiganadas, ao establecer os mecanismos e procedementos de acceso a unha estrutura avanzada de telecomunicacións con garantías e alta capacidade, seguridade, flexibilidade e control, que facilite a xestión de emerxencias por parte da UME en todas as súas fases.

PUBLICIDADE